A mostra da artista compostelá Isabel Rey ofrece un percorrido pictórico polos edificios da USC

Do 13 de xuño ao 16 de setembro o Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolle a exposición 'A Universidade Pintada', unha mostra da pintora compostelá Isabel Rey que leva ao lenzo e á táboa o retrato do patrimonio arquitectónico da Universidade de Santiago de Compostela.
O acto de inauguración da exposición celebrarase o 20 de xuño ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, nun evento que servirá tamén para presentar o folleto ilustrado da mostra e que contará coa presenza do reitor da USC, Antonio López Díaz, e da artista responsable da mostra, Isabel Rey.
Trátase dunha selección de 28 obras de gran formato, realizadas en acrílico sobre táboa, e 7 pezas menores executadas sobre lenzo. Estrutúrase en catro bloques que corresponden coa ubicación dos edificios retratados: Edificios históricos, Campus Norte, Campus Sur e Campus de Lugo. O proxecto combina o goce estético da exposición co acceso a contidos complementarios sobre a historia dos edificios, como imaxes e documentos procedentes do Arquivo Histórico Universitario, aos que se poderá acceder a través de códigos QR que ofrecerán a información en galego, castelán e inglés.
A exposición está ubicada no Claustro Alto do Colexio de Fonseca e pode ser visitada de luns a venres, de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas, sen necesidade de retirar entrada.