Un curso promovido polo Grupo de Estudos Audiovisuais da USC que permitirá desenvolver una reflexión interdisciplinar sobre a importancia da paisaxe e do territorio na cultura e na identidade galega dende o eido da imaxe

O Grupo de investigación de Estudos Audiovisuais (GEA) da Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso 'A configuración da paisaxe fílmica galega: da luz á memoria´ os vindeiros días 4 e 5 de outubro na Facultade de Ciencias da Comunicación.
O obxectivo desta proposta, que forma parte do Centro de Estudos Propios da USC, é ofrecer unha reflexión sobre a construción cinematográfica da paisaxe galega na contemporaneidade. Para iso, estudaranse os seus elementos constitutivos, as súas relacións coa pintura e a fotografía, a súa evolución visual e as concomitancias con outras tradicións fílmicas.
O bloque 'Anatomía da construción fílmica da paisaxe', abrirá o programa o martes 4 ás 16.00 h. A investigadora e docente da USC, Mª Soliña Barreiro, directora do curso será a encargada de conducir esta sesión que contará, a seguir, coa lección maxistral do escritor e fotógrafo Vítor Vaqueiro sobre o imaxinario da construción paisaxística galega e a directora de fotografía Lucía Catoira Pan coa luz da paisaxe. Para finalizar, o profesor e investigador da UDC Pablo Gallego Picard reflexionará sobre a construción fílmica do espazo e se proxectará a obra do mesmo autor: Unha viaxe por Galicia (1929-2009), co acompañamento musical de Xurxo Souto e Pulpiño Viascón.
O mércores 5 de outubro chegará a quenda do bloque 'As paisaxes do cinema galego', no que a crítica e investigadora Sara Donoso ofrecerá unha análise das relacións pictóricas e fílmicas no cinema galego contemporáneo. Despois, o profesor e investigador da Universidade de Coimbra, Iván Villarmea, centrarase nas periferias e paisaxes rururbanas no cinema galego e portugués do século XXI. No peche do curso, o cineasta Eloy Enciso reflexionará como director sobre a construción do espazo cinematográfico e narrativo en Longa Noite e Arraianos, seguido da proxección desta última obra.
O seminario terá unha vertente teórica con leccións maxistrais, debates posteriores e construcións colaborativas nas sesións coas investigadoras e investigadores. Contará tamén cunha liña práctica, na que se interrogará a creadoras e creadores contemporáneos sobre a construción da paisaxe nos seus filmes dende o visionado da propia obra e a reflexión sobre os procesos produtivos. Este traballo permitirá desenvolver una reflexión interdisciplinar sobre a importancia da paisaxe e do territorio na cultura e na identidade galega dende o eido da imaxe; conectar a reflexión académica e artística coas inquedanzas contemporáneas sobre a vertebración do espazo galego; poñer en valor territorio e artes visuais na construción dun patrimonio compartido e explorar as actitudes cinematográficas cara a paisaxe como un xeito de reflexión sobre o territorio e a identidade.
A realización do curso permitirá obter un crédito ECTS. A inscrición é de balde e deberá ser realizada a través da secretaría virtual.
