Skip to main content

Elaboran dous repositorios científicos de información para evidenciar a dimensión humana e social dos océanos

Elaboran dous repositorios científicos de información para evidenciar a dimensión humana e social dos océanos
Elaboran dous repositorios científicos de información para evidenciar a dimensión humana e social dos océanos
O traballo de compilación dos datos, que xa están dispoñibles para a comunidade científica, coordínao o profesor da USC Sebastián Villasante

O grupo de Traballo do International Council for the Exploration of the Sea (ICES) sobre Resiliencia e Servizos Ecosistémicos Marinos (WGRMES) que coordina o profesor da USC Sebastián Villasante acaba de crear dous repositorios con información de casos de estudo que están dispoñibles para que os investigadores contribúan a amplialo co seu traballo e o usen na divulgación científica.

“Este repositorio activo enriquecerá o noso coñecemento sobre a dimensión social dos océanos coa fin de axudar a quen toma decisións a ter en conta o factor humano nas políticas costeiras”, explica Villasante, que aclara que están recompilando casos de estudo “no só en Europa senón en todo o mundo”.

Cambio social O primeiro dos repositorios, vinculado á dimensión humana dos océanos, documenta as transformacións sociais dos sistemas mariños socio-ecolóxicos en Europa e no resto do mundo. O traballo, desenvolvido grazas a un proxecto do Fondo CIEM Science, inclúe información detallada e innovadora sobre os diferentes usos e impactos humanos nos océanos e os seus impulsores. Coordinado polo profesor Villasante e Olivier Guyader, de AMURE (Francia), nel participaron tamén IFREMER (Francia), IEO, ARVI (España) e Universidades de Aveiro (Portugal) e de Abeerden (Reino Unido).

A maioría das investigacións sobre os sistemas socio-ecolóxicos mariños e a sustentabilidade centrouse nas transformacións dos ecosistemas mariños e as súas funcións ecolóxicas, pero ata hoxe non había unha recompilación de datos estandarizada sobre as transformacións sociais provocadas polos cambios nos océanos. O repositorio que xurde agora é a primeira iniciativa, ao estandarizar os factores ambientais, institucionais, económicos e financeiros interconectados destes sistemas. Con el comprenderanse melllor cales son os cambios sociais necesarios para evitar resultados non desexados nas comunidades costeiras.

Servizos culturais do ecosistema mariño O WGRMES desenvolveu un segundo repositorio sobre os servicios culturais dos ecosistemas mariños e costeiros. Os servizos ecosistémicos mariños son os beneficios que os humanos obteñen dos ecosistemas que sustentan, directa ou indirectamente, a súa supervivencia e calidade de vida no planeta e que tamén contribúen ao desenvolvemento da economía global. Os culturais reflicten as interaccións físicas e cognitivas das persoas coa natureza e son cada vez máis recoñecidas por proporcionar beneficios non materiais ás sociedades.

Esta base de datos ten como obxectivo analizar o estado da investigación sobre eses servicios ecosistémicos, identificar as brechas de coñecemento e as prioridades de investigación. Inclúense así os resultados dunha revisión da literatura existente, que sintetizou un subconxunto de 72 publicacións revisadas por pares.

The contents of this page were updated on 05.31.2018.