Xabier Díaz abre este xoves o programa musical do Lubicán 2016 cun concerto no Círculo das Artes de Lugo

O cantante, compositor e investigador do folclore tradicional galego Xabier Díaz abrirá este xoves 25 de febreiro no Círculo das Artes de Lugo a programación do Lubicán 2016, un ciclo de música de raíz galega promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo.
O concerto de Xabier Díaz, quen estará acompañado por Gutier Álvarez (zafona e violín) e Javier Álvarez (acordeón), comezará ás 21.00 horas, e a entrada é libre e de balde para todo o público interesado, do mesmo xeito que todas as actividades programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural. Coñecido antes de emprender a súa carreira en solitario polas colaboracións en concertos e traballos discográficos con diversos artistas e a formacións como Luar na Lubre, Amancio Prado, Os Cempés ou, entre outros, Gaudí Galego ou Berrogüeto, o músico, compositor e cantautor coruñés Xabier Díaz presentará este xoves en Lugo o seu primeiro disco en solitario ‘The tambourine man’, un traballo de renovación da música popular galega cun enfoque vangardista. Neste concerto, Xabier Díaz tamén repasará outros dos seus repertorios.