Skip to main content

Unha delegación estadounidense que investiga a evolución das tramas urbanas visita a Domus do Mitreo da USC

Javier Bueno, á dereita, dá a benvida á delegación estadounidense na Domus do Mitreo
Javier Bueno, á dereita, dá a benvida á delegación estadounidense na Domus do Mitreo
Bueno recibe comitiva da Universidade de Maryland, que prevé desprazarse ata o Castro de Viladonga e Compostela antes de regresar a Baltimore

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, ofreceu este mércores unha recepción na USC á delegación estadounidense procedente da Universidade de Maryland, en Baltimore, chegada á capital luguesa para coñecer sobre o terreo aspectos técnicos sobre a evolución das tramas urbana desde a época dos romanos.

A comitiva universitaria liderada pola profesora da Facultade de Arquitectura, Deseño, Arte e Historia da Universidade de Maryland Katie O’Meara e integrada por unha ducia de estudantes e investigadores desprazouse ata España para facer un percorrido por distintos enclaves do noroeste de España que permiten visualizar a evolución das diferentes estruturas e deseños das tramas urbanas ao longo da historia. O xacemento arqueolóxico que acubilla a Domus do Mitreo, onde o visitante pode apreciar moi diversos elementos da urbe romana, así como diferentes fases da evolución experimentada pola arquitectura e o urbanismo na época do imperio, capitaliza o interese da visita desta expedición estadounidense, que logo de visitar Astorga, tamén prevé desprazarse ata o Castro de Viladonga, no municipio de Castro de Rei, e a Santiago de Compostela, antes de emprender a viaxe de regreso a Baltimore. Na súa estadía en Lugo, os membros desta comitiva de estudantes, docentes e profesores da Universidade de Maryland puideron completar unha visita guiada do xacemento romano musealizado debaixo da Casa do Saber da USC da man do arqueólogo Celso Rodríguez Cao.

The contents of this page were updated on 03.18.2015.