Unha delegación estadounidense que investiga a evolución das tramas urbanas visita a Domus do Mitreo da USC

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, ofreceu este mércores unha recepción na USC á delegación estadounidense procedente da Universidade de Maryland, en Baltimore, chegada á capital luguesa para coñecer sobre o terreo aspectos técnicos sobre a evolución das tramas urbana desde a época dos romanos.
A comitiva universitaria liderada pola profesora da Facultade de Arquitectura, Deseño, Arte e Historia da Universidade de Maryland Katie O’Meara e integrada por unha ducia de estudantes e investigadores desprazouse ata España para facer un percorrido por distintos enclaves do noroeste de España que permiten visualizar a evolución das diferentes estruturas e deseños das tramas urbanas ao longo da historia. O xacemento arqueolóxico que acubilla a Domus do Mitreo, onde o visitante pode apreciar moi diversos elementos da urbe romana, así como diferentes fases da evolución experimentada pola arquitectura e o urbanismo na época do imperio, capitaliza o interese da visita desta expedición estadounidense, que logo de visitar Astorga, tamén prevé desprazarse ata o Castro de Viladonga, no municipio de Castro de Rei, e a Santiago de Compostela, antes de emprender a viaxe de regreso a Baltimore. Na súa estadía en Lugo, os membros desta comitiva de estudantes, docentes e profesores da Universidade de Maryland puideron completar unha visita guiada do xacemento romano musealizado debaixo da Casa do Saber da USC da man do arqueólogo Celso Rodríguez Cao.