O proxecto europeo ‘Create you future’ analiza as necesidades educativas de superviventes de cancro infantil

O proxecto Erasmus + ‘Create your future’ celebrou este días en Compostela o seu terceiro encontro de traballo. Este é un proxecto destinado a analizar as necesidades educativas dos superviventes de cancro infantil e desenvolver solucións que faciliten a súa inserción profesional. A iniciativa contempla a realización dunha investigación científica que permita coñecer a realidade deste colectivo e definir as medidas educativas, políticas e laborais necesarias con especial atención á definición dun programa na materia que serva de referencia para orientadores educativos e profesionais. A investigación desenvolveuna durante o primeiro ano de traballo do proxecto o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC baixo a dirección das profesoras Carmen Fernández Morante e Beatriz Cebreiro López que na xuntanza de Compostela presentaron os primeiros resultados obtidos e en base aos que se desenvolverán as seguintes accións do proxecto.
O equipo da USC traballou cunha mostra de practicamente 400 persoas de catro países europeos, España, Austria, Grecia e Bulgaria e, nunha segunda fase cualitativa, cunha mostra de 26 individuos aos que se lles realizaron entrevistas en profundidade. A execución desta etapa contou co apoio de diferentes asociacións de pacientes, pais e nais de nenos con cancro e superviventes como ASPANION, ASANOG, ou Triple A (AAA) en España. Os resultados divulgaranse en formato de libro electrónico no mes de decembro, estando dispoñibles para a súa descarga gratuíta dende a web do proxecto (http://createyourfuture-eu.org/) así como en diferentes repositorios institucionais da USC.
A xuntanza serviu tamén para presentar a versión beta da plataforma tecnolóxica desenvolvida polo CESGA, socio do proxecto, para poñer en marcha a experiencia piloto de formación e para desenvolver unha comunidade en liña de superviventes europeos. Esta plataforma integra ferramentas propias das redes sociais e plataformas de formación.