Ir o contido principal

O proxecto europeo ‘Create you future’ analiza as necesidades educativas de superviventes de cancro infantil

Detalle da xuntanza celebrada en Compostela, nun momento da presentación da profesora Carmen Fernández Morante (de pé).
Detalle da xuntanza celebrada en Compostela, nun momento da presentación da profesora Carmen Fernández Morante (de pé).
Celebrou estes días unha xuntanza de traballo en Santiago para coñecer o traballo realizado polo grupo de Tecnoloxía Educativa da USC

O proxecto Erasmus + ‘Create your future’ celebrou este días en Compostela o seu terceiro encontro de traballo. Este é un proxecto destinado a analizar as necesidades educativas dos superviventes de cancro infantil e desenvolver solucións que faciliten a súa inserción profesional. A iniciativa contempla a realización dunha investigación científica que permita coñecer a realidade deste colectivo e definir as medidas educativas, políticas e laborais necesarias con especial atención á definición dun programa na materia que serva de referencia para orientadores educativos e profesionais. A investigación desenvolveuna durante o primeiro ano de traballo do proxecto o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC baixo a dirección das profesoras Carmen Fernández Morante e Beatriz Cebreiro López que na xuntanza de Compostela presentaron os primeiros resultados obtidos e en base aos que se desenvolverán as seguintes accións do proxecto.

O equipo da USC traballou cunha mostra de practicamente 400 persoas de catro países europeos, España, Austria, Grecia e Bulgaria e, nunha segunda fase cualitativa, cunha mostra de 26 individuos aos que se lles realizaron entrevistas en profundidade. A execución desta etapa contou co apoio de diferentes asociacións de pacientes, pais e nais de nenos con cancro e superviventes como ASPANION, ASANOG, ou Triple A (AAA) en España. Os resultados divulgaranse en formato de libro electrónico no mes de decembro, estando dispoñibles para a súa descarga gratuíta dende a web do proxecto (http://createyourfuture-eu.org/) así como en diferentes repositorios institucionais da USC.

A xuntanza serviu tamén para presentar a versión beta da plataforma tecnolóxica desenvolvida polo CESGA, socio do proxecto, para poñer en marcha a experiencia piloto de formación e para desenvolver unha comunidade en liña de superviventes europeos. Esta plataforma integra ferramentas propias das redes sociais e plataformas de formación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2015.