Pasar al contenido principal

O cuarteto de corda Francisco de Goya ofrecerá este luns 5 de maio un concerto na Casa do Saber de Lugo

Compoñentes do cuarteto de corda Francisco de Goya
Compoñentes do cuarteto de corda Francisco de Goya
Os instrumentistas desta singular agrupación de cámara interpretarán composicións de Canales, Mozart e De Arriaga no marco do ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2014

O cuarteto de corda Francisco de Goya, unha agrupación de música de cámara singular dentro do panorama español e integrada por Pablo Gutiérrez, Marta Mayoral e Irene Benito, ao violín, e Alejandro Marías, violoncello, ofrecerá o vindeiro luns 5 de maio, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto no marco do ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2014.

Esta nova formación de música de cámara, cuxa marcada personalidade como cuarteto vén dada por dous principios fundamentais, tales como o son a recuperación, estudo e difusión do repertorio ibérico, e a fidelidade á perspectiva histórica de cada obra, presentará en Lugo o programa ‘O cuarteto de corda: de Madrid a Viena’, que inclúe obras compostas entre finais do século XVIII e comezos do XIX por Canales, Mozart e De Arriaga. Os membros do Cuarteto Francisco de Goya son instrumentistas formados no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, no Conservatorio Superior de Música de Aragón e na Escola Reina Sofía, que ampliaron os seus estudos en Francia, Suíza e Austria, onde se especializaron na interpretación historicista da música de cámara. Na actualidade, esta agrupación colabora con algúns dos músicos e das orquestras máis prestixiosas do ámbito internacional da música antiga. A entrada para poder presenciar este concerto é libre e de balde, do mesmo xeito que todos os concertos incluídos no ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2014, un programa de música de cámara que conta con financiamento do convenio Lugo Cultural, no que están representados a USC, o Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.05.2014.