O cuarteto de corda Francisco de Goya ofrecerá este luns 5 de maio un concerto na Casa do Saber de Lugo

O cuarteto de corda Francisco de Goya, unha agrupación de música de cámara singular dentro do panorama español e integrada por Pablo Gutiérrez, Marta Mayoral e Irene Benito, ao violín, e Alejandro Marías, violoncello, ofrecerá o vindeiro luns 5 de maio, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto no marco do ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2014.
Esta nova formación de música de cámara, cuxa marcada personalidade como cuarteto vén dada por dous principios fundamentais, tales como o son a recuperación, estudo e difusión do repertorio ibérico, e a fidelidade á perspectiva histórica de cada obra, presentará en Lugo o programa ‘O cuarteto de corda: de Madrid a Viena’, que inclúe obras compostas entre finais do século XVIII e comezos do XIX por Canales, Mozart e De Arriaga. Os membros do Cuarteto Francisco de Goya son instrumentistas formados no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, no Conservatorio Superior de Música de Aragón e na Escola Reina Sofía, que ampliaron os seus estudos en Francia, Suíza e Austria, onde se especializaron na interpretación historicista da música de cámara. Na actualidade, esta agrupación colabora con algúns dos músicos e das orquestras máis prestixiosas do ámbito internacional da música antiga. A entrada para poder presenciar este concerto é libre e de balde, do mesmo xeito que todos os concertos incluídos no ciclo Músicas a carón da Mosqueira 2014, un programa de música de cámara que conta con financiamento do convenio Lugo Cultural, no que están representados a USC, o Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo.