Pasar al contenido principal

A USC e a Real Sociedad Española de Amigos del País convocan unha nova edición dos Premios Domingo Fontán

Portada do tríptico anunciador da convocatoria dos III Premios de Investigación Histórica Domingo Fontán
Portada do tríptico anunciador da convocatoria dos III Premios de Investigación Histórica Domingo Fontán
O prazo de presentación dos traballos candidatos a este galardón de investigación histórica permanecerá aberto ata o 30 de setembro de 2013

A USC e a Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela (RSEAPS) abriron o 1 de abril a convocatoria da terceira edición do Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán. O prazo de recepción de traballos estará aberto ata o 30 de setembro de 2013, xa que o certame ten carácter bianual. O galardón está dotado con 2.000 euros, ademais da publicación da obra premiada. Este premio ten como obxecto poñer en valor o patrimonio histórico, documental e científico da RSEAPS, polo que os traballos que se presenten deberán centrarse na investigación dos seus fondos patrimoniais e documentais, ou no período histórico e os motivos de creación desta entidade filantrópica fundada en 1784 ao abeiro das ideas da Ilustración. Os traballos poderán estar redactados en calquera das catro linguas oficiais do Estado, e o certame está aberto á participación de investigadores de diferentes ámbitos (historia, paleografía, xeografía, arte, arquivística, bibliografía...). As bases poden consultarse máis polo miúdo neste enderezo. O galardón recibe o seu nome en homenaxe a Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866), catedrático de Xeometría, Mecánica e Delineación da Universidade de Santiago, director da Sociedade Económica entre os anos 1860-1861 e autor da Carta Xeométrica de Galicia (1817-1834), o primeiro mapa realizado en España mediante métodos científicos e medicións matemáticas. Fontán foi tamén director do Observatorio Astronómico de Madrid e está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.04.2012.