A USC e a Real Sociedad Española de Amigos del País convocan unha nova edición dos Premios Domingo Fontán

A USC e a Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela (RSEAPS) abriron o 1 de abril a convocatoria da terceira edición do Premio de Investigación Histórica Domingo Fontán. O prazo de recepción de traballos estará aberto ata o 30 de setembro de 2013, xa que o certame ten carácter bianual. O galardón está dotado con 2.000 euros, ademais da publicación da obra premiada. Este premio ten como obxecto poñer en valor o patrimonio histórico, documental e científico da RSEAPS, polo que os traballos que se presenten deberán centrarse na investigación dos seus fondos patrimoniais e documentais, ou no período histórico e os motivos de creación desta entidade filantrópica fundada en 1784 ao abeiro das ideas da Ilustración. Os traballos poderán estar redactados en calquera das catro linguas oficiais do Estado, e o certame está aberto á participación de investigadores de diferentes ámbitos (historia, paleografía, xeografía, arte, arquivística, bibliografía...). As bases poden consultarse máis polo miúdo neste enderezo. O galardón recibe o seu nome en homenaxe a Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866), catedrático de Xeometría, Mecánica e Delineación da Universidade de Santiago, director da Sociedade Económica entre os anos 1860-1861 e autor da Carta Xeométrica de Galicia (1817-1834), o primeiro mapa realizado en España mediante métodos científicos e medicións matemáticas. Fontán foi tamén director do Observatorio Astronómico de Madrid e está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres.