Máxima cualificación para unha tese da USC que afonda na análise da Revolución Verde como proceso histórico

Contribuír á análise da Revolución Verde como proceso histórico é o propósito da tese de doutoramento que Wilson Picado Umaña defendeu no Paraninfo da Universidade e pola que conseguiu a máxima cualificación. O traballo ‘Conexiones de la Revolución Verde. Estado y cambio tecnológico en la agricultura de Costa Rica durante el período 1940-1980’ estivo dirixido polo profesor Lourenzo Fernández Prieto, do Departamento de Historia Contemporánea e América. Wilson Picado Umaña (Heredia, Costa Rica, 1973) realizou o Máster en Historia Agraria pola Universidade Nacional de Heredia, Costa Rica. Levou a cabo estudos doutorais na USC, concretamente no Departamento de Historia Contemporánea e América e no Grupo de Referencia Competitiva HISTAGRA cunha bolsa de investigación da Universidade Nacional de Heredia. As súas liñas de investigación son a historia agraria e a historia ambiental. O traballo cuestiona os enfoques míticos e episódicos que analizan a Revolución Verde dun xeito “progresista”, ahistórico e despolitizado, para o que propón unha análise comparada e conectiva do seu desenvolvemento na agricultura de Costa Rica entre 1941 e 1975, tomando como referencia o caso do programa agrícola da Fundación Rockefeller en México na década de 1940. A investigación pretende deconstruír simbolicamente o proceso desde o punto de vista da súa evolución comparada coa Revolución Neolítica, así como a partires do estudo da formación do espectro semántico do concepto “Revolución Verde”. No campo histórico, proponse tomar o caso de Costa Rica como un exemplo que permite avaliar a hipótese dos orixes militares da revolución durante a II Guerra Mundial. Ademais, como un caso paradigmático do posicionamento da cultura agronómica estadounidense no Terceiro Mundo durante a posguerra, mediante a adopción do modelo norteamericano de Extensión Agrícola. O tribunal que avaliou a tese estivo presidido polo catedrático Ramón Villares Paz e composto ademais polo profesor Paul Brassley, da Universidade de Exeter (Gran Bretaña); Ramón Garrabou Segura, da Autónoma de Barcelona; Stuart Mccook, da Universidade de Guelph (Ontario, Canadá); e Daniel Lanero Táboas, da USC.