Pasar al contenido principal

Sortéanse en Lugo as prazas do programa de Intercambio de Vacacións PAS para este verán

Reunión dos representantes da Comisión de Intercambio de Vacacións PAS de dezaoito universidades en Lugo
Reunión dos representantes da Comisión de Intercambio de Vacacións PAS de dezaoito universidades en Lugo
Representantes de dezaoito universidades repartirán, ata o venres, as prazas que ofrecen 36 residencias universitarias

Corenta representantes da Comisión de Intercambio de Vacacións PAS da USC e doutras dezasete universidades españolas atópanse en Lugo para realizar o sorteo das prazas convocadas polo programa para este verán e do que, nesta ocasión, é responsable a universidade compostelá.
Os membros da comisión chegaron á cidade este mércores, e foron recibidos na Vicerreitoría de Coordinación do Campus polo vicerreitor Carlos Herrero, o vicexerente do campus lugués e da Área Económica da USC, Xosé Antón Freire e Luís Vila, tamén da vicexerencia luguesa.
O obxectivo da Comisión de Intercambio de Vacacións PAS, da que a USC forma parte hai máis de vinte anos, é favorecer o aproveitamento das instalacións das residencias universitarias, que quedan baleiras nos meses de verán, por parte do persoal funcionario e contratado laboral da universidade e das súas familias.
Mediante un sorteo, que se desenvolverá ata este venres, decidirase o destino e a data na que cada membro do persoal PAS, que así o teña solicitado, pasará as vacacións de verán coa súa familia, en quendas de sete noites entre o 16 de xullo e o 5 de setembro.
Os beneficiarios terán aloxamento gratuíto nalgunha das trinta e seis residencias das universidades de Alacante, Barcelona, Cádiz, Estremadura, Xirona, Granada, Illas Baleares, La Laguna, Las Palmas, León, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, Politécnica de Cartaxena, Salamanca, Sevilla, Tarragona, Valencia, Vigo e Zaragoza que participan no programa.
O resultado do sorteo publicarase nos vindeiros días na páxina web www.usc.es/intercambiopas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.04.2010.