Sortéanse en Lugo as prazas do programa de Intercambio de Vacacións PAS para este verán

Corenta representantes da Comisión de Intercambio de Vacacións PAS da USC e doutras dezasete universidades españolas atópanse en Lugo para realizar o sorteo das prazas convocadas polo programa para este verán e do que, nesta ocasión, é responsable a universidade compostelá.
Os membros da comisión chegaron á cidade este mércores, e foron recibidos na Vicerreitoría de Coordinación do Campus polo vicerreitor Carlos Herrero, o vicexerente do campus lugués e da Área Económica da USC, Xosé Antón Freire e Luís Vila, tamén da vicexerencia luguesa.
O obxectivo da Comisión de Intercambio de Vacacións PAS, da que a USC forma parte hai máis de vinte anos, é favorecer o aproveitamento das instalacións das residencias universitarias, que quedan baleiras nos meses de verán, por parte do persoal funcionario e contratado laboral da universidade e das súas familias.
Mediante un sorteo, que se desenvolverá ata este venres, decidirase o destino e a data na que cada membro do persoal PAS, que así o teña solicitado, pasará as vacacións de verán coa súa familia, en quendas de sete noites entre o 16 de xullo e o 5 de setembro.
Os beneficiarios terán aloxamento gratuíto nalgunha das trinta e seis residencias das universidades de Alacante, Barcelona, Cádiz, Estremadura, Xirona, Granada, Illas Baleares, La Laguna, Las Palmas, León, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, Politécnica de Cartaxena, Salamanca, Sevilla, Tarragona, Valencia, Vigo e Zaragoza que participan no programa.
O resultado do sorteo publicarase nos vindeiros días na páxina web www.usc.es/intercambiopas.