O coordinador do monográfico 'Filosofía para nenas e nenos', Javier F. Rouco, presentará este mércores, ás 19.00 horas, en Formación do Profesorado, esta nova achega editorial

O movemento de renovación pedagóxica e galeguización lingüística e curricular de Galicia Nova Escola Galega presenta este mércores 5 de febreiro, a partir das 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, o número 74 da Revista Galega de Educación, unha publicación de periodicidade trimestral que nesta última entrega leva por título ‘Filosofía para nenas e nenos’.
O coordinador do monográfico recollido no último número da Revista Galega de Educación, Javier F. Rouco Ferreiro, conducirá tamén a presentación desta nova achega editorial, no marco dunha sesión aberta a todo o público interesado e na que tamén intervirán como relatores Mar Santiago, do Ceip Emilia Pardo Bazán, de A Coruña; a mestra, psicóloga e formadora Carmen Loureiro, e Marcos Chavarría, en representación do consello de redacción da Revista Galega de Educación.