Pasar al contenido principal

Letras Galegas 2020: 'Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso'

Ricardo Carvalho Calero. Foto: Moncho Rama
Ricardo Carvalho Calero. Foto: Moncho Rama
A USC edita esta ano a obra 'Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso', coordinada por Francisco Cidrás e que inclúe as colaboracións de 14 especialistas universitarios que trazan a dimensión vital e intelectual dunha figura poliédrica e fundamental da cultura galega do século XX
Lugo, Santiago de Compostela

Representantes de diversas institucións, entre elas da USC, xuntáronse este 17 de maio para render homenaxe a Ricardo Carvalho Calero, cunha ofrenda floral ante o que fora o seu fogar en Compostela, na rúa Carreira do Conde, e coa que deixar constancia da conmemoración do Día das Letras Galegas 2020. Carvalho Calero foi o primeiro profesor e, despois, o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galegas da USC.

En palabras do reitor Antonio López, a xornada do Día das Letras Galegas “non pode ser apenas un día de celebración de todo o que se ten avanzado en materia de normalización lingüística” . Na súa opinión, esta data “ten que ser tamén, asemade, unha xornada de concienciación e reivindicación do moito traballo que aínda queda por diante para conseguirmos aquilo ao que estatutariamente estamos obrigados: garantirmos o uso normal e pleno da nosa lingua en todos os ámbitos da vida universitaria”. Nesta tarefa “temos que seguir comprometidos toda a comunidade que formamos a USC, unidos e unidas hoxe na distancia das nosas casas, mañá na proximidade das nosas aulas, gabinetes e laboratorios. Porque o Día das Letras Galegas é hoxe; pero o día da lingua galega ten que selo todos os días do ano”.

No transcurso do acto celebrado este domingo en Compostela, o presidente da Real Academia Galega Víctor F. Freixanes subliñou o marcado sentido dunha xornada “chea de afecto, admiración e agradecemento. Moitos de nós fomos alumnos seus, lembramos o seu maxisterio, o seu traballo, a súa lealdade á causa de Galicia, o seu compromiso e a súa esixencia, que se concreta nunha obra nalgúns momentos certamente extraordinaria, monumental, moito máis se consideramos as circunstancias nas que a foi construíndo”.

A RAG instaurou o Día das Letras Galegas o 17 de maio de 1963 cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Aquela primeira celebración tivo lugar en Santiago de Compostela, no Colexio de Fonseca da USC, e contou coa participación do propio Carvalho Calero, cun discurso dedicado á poeta que tanto estudou como crítico literario.

Na mesma sesión, a académica e catedrática da USC Margarita Ledo deulle voz a un poema no que Carvalho Calero recorreu ao cometa Halley para trazar un retrato da súa xeración, o dedicado ao seu “irmán” Álvaro Cunqueiro en 1980, o mesmo ano en que o catedrático lle deu a benvida ao escritor de Mondoñedo na USC como doutor honoris causa. “O primeiro aeroplano ensaiaba o seu voo, ti ja o dixeches, / namentres nós nacíamos. / E o cometa Halley brillaba no ceu, / e Tolstoy se apagaba cando nós nacémos (...). A princípios de século nacémos, / a fins de século morrémos. / Ti e máis eu fomos, verdadeiramente, / fillos do noso século”.

Volume conmemorativo

Un ano máis, a USC súmase á celebración do Día das Letras Galegas 2020 coa monografía Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso, un volume  editado polo Servizo de Publicacións da USC e coordinado polo director do Departamento de Filoloxía Galega da institución académica  compostelá, Francisco Cidrás, que inclúe colaboracións de 14 especialistas universitarios que, a través das súas respectivas achegas, trazan a dimensión vital e intelectual dunha figura poliédrica, fundamental na cultura galega do século XX, como o foi Carvalho Calero.

A nova publicación dá continuidade ao compromiso adquirido e aínda nunca interrompido pola USC desde 1970, data na que o gran escritor e polígrafo homenaxeado este ano inaugurou a serie de monografías coas que desde hai xa medio século a USC consagra ás figuras literarias recoñecidas no Día das Letras Galegas. A achega de  Carvalho Calero naquela ocasión consistiu na redacción dun, daquela modesto, folleto adicado á figura do novelista e lexicógrafo Marcial Valladares titulado O señor de Vilancosta.

Estruturada en tres seccións: Aspectos dunha vida; Literatura e estudos literarios e Lingua: teoría e praxe, nas que se distribúen as diversas achegas compiladas, a monografía Ricardo Carvalho Calero. As formas do compromiso afondan no legado vital deste persoeiro e na súa inxente obra, un legado que traspasou todos os ámbitos da cultura, da literatura, da lingua e de todos os campos (activista político, poeta, narrrador, dramaturgo, gramático, docente vocacional, historiador da lingua e da literatura… ) que puido considerar forxadores dunha identidade nacional.

O acto de presentación deste novo volume co que a USC se suma á celebración do Día das Letras Galegas 2020 está condicionado pola actual conxuntura de alarma sanitaria por mor da COVID-19, unha situación que tamén impide a celebración institucional desta efeméride por parte da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.05.2020.