Bota a andar unha nova convocatoria dos Esenciais USC

A USC acaba de lanzar unha nova convocatoria da colección Esenciais, integrada por guías de referencia que resumen unha materia ou unha parte significativa dela para acompañar ao alumnado no proceso de aprendizaxe dos contidos. A Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), apoia e financia a elaboración e edición de quince novos títulos para esta colección. O prazo para presentar propostas manterase aberto ata o vindeiro 31 de marzo.
O impacto na comunidade universitaria será un dos criterios a valorar, así como a coincidencia con actuacións de promoción do uso do galego que o SNL considere prioritarias. O impacto no ensino non universitario, a calidade científica ou académica da proposta, así como a súa calidade lingüística, serán outros dos aspectos a ter en conta por parte da Comisión de Normalización Lingüística do Claustro á hora de avaliar as propostas. Procurarase asemade que os títulos seleccionados cubran, na medida do posible, as cinco grandes áreas de coñecemento da USC, así como os estudos que se ofrecen tanto no Campus de Santiago coma no de Lugo. Valorarase tamén que poidan ser utilizados en estudos de bacharelato. Todas as propostas irán dirixidas ao Vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co envío da documentación contemplada na convocatoria dirixida ao correo electrónico vr.planificacion [at] usc.gal (vr[dot]planificacion[at]usc[dot]gal)
Información veraz
Os Esenciais que saian desta convocatoria súmanse ás 24 guías que viron a luz ao longo do pasado ano e que naceron como ferramenta que permite achegar o galego á docencia. Os Esenciais nacen en consonancia co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 4, o cal aspira a garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas. Os Esenciais permiten “mellorar a comunicación lingüística en galego no eido científico na Universidade, así como transmitir información veraz e crear materias válidos para o Ensino Secundario”, destacou o vicerreitor Gumersindo Feijoo Costa. “Os Esenciais conforman un resumo executivo do curso con información veraz e contrastada fronte a fontes dixitais non verificadas”, destacou.