Pasar al contenido principal

A USC, anfitrioa das XXVIII Xornadas Crue-Secretarías Xerais

O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López. FOTO: Santi Alvite
O acto inaugural estivo presidido polo reitor Antonio López. FOTO: Santi Alvite
Do 17 ao 19 de novembro celébrase en Compostela este foro que aborda as principais reformas normativas e o seu impacto no funcionamento das universidades nos próximos anos
Santiago de Compostela

Crue-Secretarías Xerais celebra a súa vixésimo oitava xuntanza cun programa centrado na análise das propostas de Lei de Convivencia Universitaria e de reforma integral da Lei Orgánica de Universidades, entre outros temas.  As xornadas, a celebrar entre os días 17 e 19 de novembro, permiten recuperar o ritmo habitual de encontros interrompido pola pandemia e debater arredor das modificacións normativas que as universidades terán que aplicar nos  próximos anos. As sesións poden serguirse en liña a través da canle de YouTube da USC.

O reitor Antonio López presidiu este xoves a sesión inaugural do encontro, acompañado por José Antonio Mayoral, presidente da Comisión Sectorial Crue- Secretarías Xerais e reitor da Universidade de Zaragoza; José Alberto Díez de Castro, secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia; Gumersindo Guinarte, concelleiro responsable de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo e tenente de alcalde do Concello de Santiago; e Mª Teresa Lozano, secretaria xeral de Crue-Universidades Españolas.

O primeiro dos temas incluídos no programa foi o desenvolvemento regulamentario das prácticas académicas externas e a súa implicación para as universidades públicas e privadas, ao que segue un relatorio sobre as novidades do anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario, da man do vicepresidente adxunto de Crue Universidades Españolas, Juan Julià; e do secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro. Posteriormente celébrase unha mesa redonda sobre a visión do proxecto de Lei de Convivencia Universitaria, tema que pecha a xornada inicial deste foro.

A secretaria xeral da USC, Dulce Mª García, dará paso o venres 19 ao relatorio de Humberto Gosálbez, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Córdoba, verbo da articulación dunha canle interna de denuncias sobre infraccións do Dereito da Unión, que debe estar operativa antes de que finalice este ano. Nesa mesma xornada, os distintos grupos de traballo da Sectorial poñerán en común as súas respectivas actividades, alén de presentarse a enquisa da Conferencia de Arquiveiros das Universidades Españolas e celebrarase o plenario da Comisión Sectorial.

Rede de interese común

As comisións sectoriais de Crue asesoran á Asemblea Xeral na toma de decisións e promoven actividades en rede de interese común para todas as universidades. A Comisión Sectorial de Secretarías Xerais, na que se integran os secretarios e secretarias xerais das universidades españolas, ten entre as súas competencias a administración electrónica, a propiedade intelectual, as políticas de transparencia nas universidades, a gobernanza e todo o relacionado co eido xurídico das universidades. Dentro desta Sectorial a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella, asumiu en novembro de 2019, a presidencia do grupo de traballo de Delegados e Delegadas de Protección de Datos.

Clausura

O acto de clausura no que está previsto que participen de novo o reitor Antonio López e o presidente de Crue‐Secretarías Xerais, contará tamén coa presenza da secretaria xeral da USC. A sesión desenvolverase a partir das 14.15 horas do venres 19 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2021.