A USC colabora coa Xunta de Galicia na organización deste evento que conta con financiamento do Fondo Social Europeo

O IV Encontro de Emprendedoras do Programa Emega, ten como obxectivo reunir mulleres que foron beneficiarias das axudas do programa en diferentes edicións e que emprenderon en sectores diversos, creando tecido empresarial galego, inspirando a outras e liderando empresas que se están consolidando no tempo.
O encontro inclúe sesións de formación para emprendedoras entre o luns 13 e o xoves 16 de decembro e un encontro presencial o venres, 17 de decembro na Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP) , con mesas redondas, sesións de conversa e unha feira expositiva de emprendedoras EMEGA que tamén poderá seguirse en liña. O seu obxectivo é dar a coñecer as actividades empresariais de cada unhas das expositoras, permitíndolles tecer unha rede de contactos entre as emprendedoras e ofrecéndolles un espazo para presentar o seu labor ao público.
O acto de apertura desa xornada presencial terá lugar ás 10.00 horas e nel tomarán parte a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza e o reitor da USC, Antonio López Díaz. A clausura, ás 14.00 horas, contará coa presenza da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo.
O evento será retransmitido en directo a través da canle de YouTube de Woman Emprende. Podes inscribirte na ligazón inferior, e tamén tes o programa completo nos documentos anexos.