Publicada a convocatoria anticipada para alumnado alleo ao EEES que queira cursar un mestrado da USC

A USC lanza unha convocatoria anticipada, de carácter especial e restrinxida para o alumnado alleo ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), coa finalidade de que este estudantado poida ter unha admisión e matrícula con tempo suficiente para poder obter os permisos necesarios no seu país antes de iniciar o curso académico en España. Ao abeiro desta convocatoria, poderán acceder ás ensinanzas oficiais de mestrado da USC para cursar estudos no curso 2022/2023 as persoas tituladas de sistemas educativos alleos ao EEES que teñan un título homologado a un título universitario oficial español ou a outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro estado membro do EEES, ou un título declarado equivalente polo Ministerio de Educación, e que faculte en ambos casos para o acceso aos estudos de máster.
Tamén poderán acceder os/as graduados/as de sistemas educativos alleos ao EEES sen necesidade de homologar o seu título nin de obter a declaración de equivalencia polo Ministerio, previa comprobación pola Universidade de que o título da persoa interesada acredita un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e que faculta no país expedidor para acceder ás ensinanzas de posgrao. O acceso por esta vía non implica, en ningún caso, a homologación do título previo da persoa interesada nin o seu recoñecemento a outros efectos que o estudio das ensinanzas de máster. O resto de requirimentos poden consultarse no texto completo da convocatoria.
Admisión
A solicitude de admisión poderá presentarse dende o día 17 de febreiro de 2022 ás 10.00 horas ata o día 18 de abril de 2022 ás 23.59 horas e deberá realizarse por medios electrónicos no enderezo http://www.usc.es/masteres