Pasar al contenido principal

Un novo grao formará profesionais no eido da gastronomía e da dirección hoteleira

O grao contempla dúas mencións: Dirección Hoteleira e Gastronomía.  FOTO: Pixabay
O grao contempla dúas mencións: Dirección Hoteleira e Gastronomía. FOTO: Pixabay
O Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), adscrito á USC, acollerá esta titulación coa que se pretende obter unha visión completa e integral dos negocios deste sector
Santiago de Compostela

Obter unha visión completa e integral dos negocios hostaleiros é a meta que persegue a nova titulación da USC que botará a andar no curso 2022-2023. No grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, o alumnado aprenderá principios básicos no servizo ao cliente, a xestión operativa, as habilidades interpersoais e o uso da intelixencia emocional na xestión de persoas, nun contexto profesional de marcado carácter multicultural e internacional. A nova titulación impartirase no Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), adscrito á USC dende xaneiro do ano pasado. Esta titulación de catro cursos, xunto coa de Intelixencia Artificial, amplía a oferta de grao da institución compostelá para o vindeiro curso.

“O plan de estudos deste grao está deseñado para capacitar profesionais que teñan unha clara vocación hostaleira, de modo que poidan desenvolver de forma inmediata a súa profesión, tanto dende unha perspectiva dos negocios hoteleiros como no ámbito da restauración”, explica a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López Couso. O Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras culmina un labor de anos pola oficialización de estudos universitarios no ámbito da hostalería. Como primeiro título de tales características en Galicia, pretende “contribuír a unha mellor capacitación do persoal do sector hoteleiro e da restauración, ofrecendo aos estudantes o acceso a unha titulación con elevado índice de empregabilidade, nunha das principais actividades económicas da nosa comunidade”, sinala Marta Fernández Vázquez, dende a dirección do CSHG.

Situacións reais

O enfoque práctico da titulación conséguese cunha metodoloxía de grupos reducidos, en clases e instalacións deseñadas para simular situacións reais en diferentes negocios hostaleiros, e coa inmersión no mundo laboral a través de prácticas en empresas hoteleiras e restauración.

O obxectivo é que o estudantado desempeñe tarefas no ámbito global da organización, a nivel directivo ou en calquera das súas áreas funcionais e departamentos, tanto a nivel operativo como estratéxico: alimentos e bebidas, aloxamento, recursos humanos, mercadotecnia, administración e finanzas, entre outros, mediante unha aprendizaxe intensiva e o uso de varias linguas estranxeiras e das TIC.

O grao contempla dúas mencións: Dirección Hoteleira e Gastronomía. A configuración do plan de estudos inclúe formación común para ambas mencións e formación específica de cada unha, segundo a súa orientación, competencias a adquirir polos estudantes e perfís profesionais de saída.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.06.2022.