Un cento de docentes asiáticos recibe formación da USC en materia de Big Data e Intelixencia Artificial

Os profesores da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC, David E. Losada Carril e Tomás Fernández Pena, acaban de impartir un curso intensivo en materia de Big Data e Intelixencia Artificial (IA) na International Information Technology University (IITU), en Casaquistán, ante máis de medio cento de docentes dese país. O obxectivo do proxecto Erasmus + Elba, dotado con preto dun millón de euros e no que se integra esta actividade formativa, é profundar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras no campo da IA que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos.
O curso incluíu formación en minería de textos, xestión de información non estruturada, programación para análise de datos, big data e cloud computing. O programa formativo incluíu sesións teóricas e sesións prácticas de programación no laboratorio recentemente creado co financiamento do propio proxecto Elba. O curso foi impartido de forma presencial para os profesores/as da IITU e, ao mesmo tempo, contou coa participación en liña de profesores/as doutras nove universidades dos países asiáticos socios no proxecto Elba. En total, un cento de docentes tiveron a oportunidade de participar e debater temas técnicos de Big Data Analytics, tanto en sesións teóricas como prácticas.
As sesións das tardes foron configuradas en formato ‘lab’ para expoñer e resolver unha serie de retos, como a extracción automática de información da web, a catalogación automática de chíos ou a configuración de servizos e aplicacións na nube. O curso contou ademais co apoio como asistentes nesta docencia de Marcos Fernández Pichel e Cesar Piñeiro, investigadores predoutorais do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS).
Este curso dá continuidade á formación realizada previamente en Europa, a través de tres cursos de dúas semanas de duración na USC, o Politécnico de Turín e a Universidade de Primorska en Eslovenia. Nos devanditos cursos, 89 profesores de Asia Central tiveron a oportunidade de visitar estas tres institucións para formarse nas áreas de big data e intelixencia artificial. Do mesmo xeito, a USC, como coordinadora do proxecto, está a organizar outros tres cursos de formación en Usbequistán, Tadxiquistán e Kirguizistán.
Paralelamente á formación académica realizada en Casaquistán, dende o proxecto estanse a promover xuntanzas con empresas locais e outros axentes coa vontade de fomentar sinerxías no eido da IA e do big data.