Ir o contido principal

Un cento de docentes asiáticos recibe formación da USC en materia de Big Data e Intelixencia Artificial

Imaxe de arquivo da xornada de arranque do proxecto en Compostela
Imaxe de arquivo da xornada de arranque do proxecto en Compostela
Os profesores da ETSE David E. Losada Carril e Tomás Fernández Pena acaban de impartir un curso en Casaquistán no marco do proxecto Erasmus + Elba
Santiago de Compostela

Os profesores da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da USC, David E. Losada Carril e Tomás Fernández Pena, acaban de impartir un curso intensivo en materia de Big Data e Intelixencia Artificial (IA) na International Information Technology University (IITU), en Casaquistán, ante máis de medio cento de docentes dese país. O obxectivo do proxecto Erasmus + Elba, dotado con preto dun millón de euros e no que se integra esta actividade formativa, é profundar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras no campo da IA que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos.

O curso incluíu formación en minería de textos, xestión de información non estruturada, programación para análise de datos, big data e cloud computing.  O programa formativo incluíu sesións teóricas e sesións prácticas de programación no laboratorio recentemente creado co financiamento do propio proxecto Elba. O curso foi impartido de forma presencial para os profesores/as da IITU e, ao mesmo tempo, contou coa participación en liña de profesores/as doutras nove universidades dos países asiáticos socios no proxecto Elba. En total, un cento de docentes tiveron a oportunidade de participar e debater temas técnicos de Big Data Analytics, tanto en sesións teóricas como prácticas.

As sesións das tardes foron configuradas en formato ‘lab’ para expoñer e resolver unha serie de retos, como a extracción automática de información da web, a catalogación automática de chíos ou a configuración de servizos e aplicacións na nube. O curso contou ademais co apoio como asistentes nesta docencia de Marcos Fernández Pichel e Cesar Piñeiro, investigadores  predoutorais do  Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS).

Este curso dá continuidade á formación realizada previamente en Europa, a través de tres cursos de dúas semanas de duración na USC,  o Politécnico de Turín e a Universidade de  Primorska en Eslovenia. Nos devanditos cursos, 89 profesores de Asia Central tiveron a oportunidade de visitar estas tres institucións para formarse nas áreas de big data e intelixencia artificial. Do mesmo xeito, a USC, como coordinadora do proxecto, está a organizar outros tres cursos de formación en Usbequistán, Tadxiquistán e Kirguizistán.

Paralelamente á formación académica realizada en Casaquistán, dende o proxecto estanse a promover xuntanzas con empresas locais e outros axentes coa vontade de fomentar sinerxías no eido da IA e do big data.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2022.