Santiago de Compostela
Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño
USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo.

A escritora Estíbaliz Espinosa toma parte no USCénica 2022 con Canta, Urania, unha proposta a cabalo entre a poesía e a astronomía que chega o martes 5 de xullo á Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño e ao Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
As entradas teñen un prezo de 3 euros e estarán dispoñibles no Teatro dende hora e media antes da función.
Sobre a peza
Urania é a última das musas ou a primeira delas: a que pon un pé entre a poesía e a astronomía, entre a arte e a ciencia. A constelación de puntos suspensivos que une a poesía, a música e a astronomía faise visible neste encontro íntimo entre a voz, o piano, os ruídos e as estrelas.
E será en dous espazotempos: primeiro na Sala de teatro Roberto Vidal Bolaño, onde terá lugar a performance-recital, con poemas e música; para retomar a poucos pasos de alí, á fresca do verán e xa máis entrada a noite: no Observatorio Ramón María Aller, onde seguirá o recital e unha observación astronómica, sempre que a noite o permita.
