Santiago de Compostela
Seminario 3 (inauguración e relatorios)
Salón Nobre (clausura)
O Servizo de Medios Audiovisuais da USC (SERVIMAV) organiza estas xornadas que congregarán as figuras ao cargo desta área en 22 universidades da contorna estatal

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acollerá o 4 e 5 de outubro as Xornadas de Traballo e Formación da Asociación de Profesionais Audiovisuais Universitarios (APAU), unha entidade creada en 2008 en Compostela para a colaboración de todos os servizos audiovisuais das universidades da contorna estatal na elaboración de contidos.
O obxectivo deste encontro, organizado polo SERVIMAV da USC, é divulgar o coñecemento que se xera nas universidades a través de contidos audiovisuais que mostran o traballo realizado en investigación, docencia e innovación. O foro congregará no centro compostelán representantes de 22 universidades da contorna estatal.
A inauguración das xornadas terá lugar o día 4 de outuBro ás 9.30 horas no Seminario 3 da facultade, e contará coas intervencións de Carlos Toural Bran, director do Gabinete do Reitor da USC, e Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana do centro. O programa inclúe diversas conferencias arredor dos avances e tendencias na xeración de contidos e creacións audiovisuais no ámbito universitario. Isabel Espín Alba, profesora de Dereito da USC, falará sobre a 'Protección de datos, dereitos de imaxe e de propiedade intelectual'; a seguir, os profesores da Facultade de Ciencias da Comuniación Enrique Castelló e Roi Méndez presentarán o proxecto 'Cloudclass: novas posibilidades do ensino en liña'. As xornadas contarán tamén coa intervención de Urbano García Alonso, director de Innovación e Dixital de RTVE, coa conferencia 'A comunicación (é) móbil. Xeración de contidos na era dixital”. E Carlos Martínez e Antonio Albacete, responsables da empresa de innovación tecnolóxica ITELSIS, pecharán a rolda de relatorios coa disertación “Universidade 360º con Videoma – A IA aplicada á internacionalización e democratización dos contidos educativos'.
O encontro abeirará ademais a reunión do Grupo de Contidos Audiovisuais e Multimedia (GCAM), na que se presentarán novas propostas de traballo para futuras colaboracións entre os profesionais audiovisuais e se dará continuidade ás producións que xa están en marcha e que se emiten actualmente como parte do programa A Aventura do Saber de TVE2: Universo Sostible, que xa está na quinta tempada, e A Universidade Responde, que contén 272 pezas audiovisuais en resposta a preguntas de actualidade con expertos de diferentes universidades españolas.
O acto de clausura das xornadas celebrarase o día 5 de outubro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Presidido polo reitor da USC Antonio López, contará coas intervencións de Olga Fontán, directora de Servimav; Miquel Francés, director do Taller de Audiovisuais da Universitadade de Valencia; Carlos Toural, e Ana Isabel Rodríguez.
Estas xornadas de traballo permiten axuntar esforzos, compartir recursos audiovisuais, propoñer novas producións e, en definitiva, colaborar na transmisión á sociedade do coñecemento xerado na universidades.
