Ir o contido principal

Xornadas de traballo e formación da Asociación de Profesionais Audiovisuais Universitarios

04.10.2022-05.10.2022 | 09.30h

Santiago de Compostela
Seminario 3 (inauguración e relatorios)
Salón Nobre (clausura)

O Servizo de Medios Audiovisuais da USC (SERVIMAV) organiza estas xornadas que congregarán as figuras ao cargo desta área en 22 universidades da contorna estatal

Facultade de CC. da Comunicación da USC. FOTO: Santi Alvite
Facultade de CC. da Comunicación da USC. FOTO: Santi Alvite

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acollerá o 4 e 5 de outubro as  Xornadas de Traballo e Formación da Asociación de Profesionais Audiovisuais Universitarios (APAU), unha entidade creada en 2008 en Compostela para a colaboración de todos os servizos audiovisuais das universidades da contorna estatal na elaboración de contidos.

O obxectivo deste encontro, organizado polo SERVIMAV da USC, é divulgar o coñecemento que se xera nas universidades a través de contidos audiovisuais que mostran o traballo realizado en investigación, docencia e innovación. O foro congregará no centro compostelán representantes de 22 universidades da contorna estatal. 

A inauguración das xornadas terá lugar o día 4 de outuBro ás 9.30 horas no Seminario 3 da facultade, e contará coas intervencións de Carlos Toural Bran, director do Gabinete do Reitor da USC, e Ana Isabel Rodríguez Vázquez, decana do centro. O programa inclúe diversas conferencias arredor dos avances e tendencias na xeración de contidos e creacións audiovisuais  no ámbito universitario.  Isabel Espín Alba, profesora de Dereito da USC, falará sobre a 'Protección de datos, dereitos de imaxe e de propiedade intelectual'; a seguir, os profesores da Facultade de Ciencias da Comuniación Enrique Castelló e Roi Méndez presentarán o proxecto 'Cloudclass: novas posibilidades do ensino en liña'. As xornadas contarán tamén coa intervención de Urbano García Alonso, director de Innovación e Dixital de RTVE, coa conferencia 'A comunicación (é) móbil. Xeración de contidos na era dixital”.  E Carlos Martínez e Antonio Albacete, responsables da empresa de innovación tecnolóxica ITELSIS, pecharán a rolda de relatorios coa disertación “Universidade 360º con Videoma – A IA aplicada á internacionalización e democratización dos contidos educativos'.

O encontro abeirará ademais a reunión do Grupo de Contidos Audiovisuais e Multimedia (GCAM), na que se presentarán novas propostas de traballo para futuras colaboracións entre os profesionais audiovisuais e se dará continuidade ás producións que xa están en marcha e que se emiten actualmente como parte do programa A Aventura do Saber de TVE2: Universo Sostible, que xa está na quinta tempada,  e A Universidade Responde, que contén 272 pezas audiovisuais en resposta a preguntas de actualidade con expertos de diferentes universidades españolas. 

O acto de clausura das xornadas celebrarase o día 5 de outubro no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Presidido polo reitor  da USC Antonio López, contará coas intervencións de Olga Fontán, directora de Servimav; Miquel Francés, director do Taller de Audiovisuais da Universitadade de Valencia; Carlos Toural,  e Ana Isabel Rodríguez. 

Estas xornadas de traballo permiten axuntar esforzos, compartir recursos audiovisuais, propoñer novas producións e, en definitiva, colaborar na transmisión á sociedade do coñecemento xerado na universidades.

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2022.