Pasar al contenido principal

O Plan de Profesorado 19-22 permitiu avanzar na estabilización e promoción do cadro docente

De cara ao vindeiro ano e “mediante  unha  planificación prudente  e  rigorosa  da  incorporación  de  efectivos”, o plan garantirá unha dotación estrutural suficiente das diferentes áreas de coñecemento. Imaxe de arquivo de docencia no Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
De cara ao vindeiro ano e “mediante  unha  planificación prudente  e  rigorosa  da  incorporación  de  efectivos”, o plan garantirá unha dotación estrutural suficiente das diferentes áreas de coñecemento. Imaxe de arquivo de docencia no Campus de Lugo. FOTO: Santi Alvite
Tamén se deu conta do esforzo realizado por incorporar profesorado axudante doutor como vía de acceso á carreira docente, tal e como se desprende das Bases para a elaboración da Planificación de PDI 2023
Lugo, Santiago de Compostela

Entre os anos 2019 e 2022, a USC creou un total de 653 prazas de profesorado, das cales o 33% estaban dirixidas a profesorado axudade doutor. Son datos extraídos das Bases para a elaboración da Planificación de PDI 2023 nas que a institución fai balance do percorrido ata o de agora en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI), alén de definir as liñas xerais de actuación que  rexerán a política de profesorado no curso 2023-2024. O documento foi aprobado este martes 29 no Consello de Goberno.

Un dos obxectivos centrais que se marcaba o Plan Plurianual de Profesorado 2019-2022 era  o  de  garantir  a  renovación  do  cadro  de  persoal  mediante  a  incorporación  de  novo profesorado,  a  través  fundamentalmente  da  figura  de  profesorado  axudante  doutor. Deste  xeito  lográronse compensar  as  baixas  de  profesorado,  debidas  sobre  todo  a xubilacións forzosas e voluntarias, así como corrixir os desequilibrios existentes entre as diferentes áreas de coñecemento e de dotar de profesorado aquelas áreas que tiñan que asumir o encargo docente derivado da implantación de novas titulacións. Polo  que  se  refire  á  distribución  destas  prazas  por  grandes  áreas,  o documento salienta  que máis da metade foron asignadas a áreas de coñecemento de Ciencias Sociais e Xurídicas, “algunhas  das  cales viñan  arrastrando  importantes  déficits  estruturais, e onde,  por  outra banda, son notorias as dificultades para a captación de profesorado a través de programas de incorporación de persoal investigador”, matiza o documento.

De cara ao vindeiro ano e “mediante  unha  planificación prudente  e  rigorosa  da  incorporación  de  efectivos”, o plan garantirá unha dotación estrutural suficiente das diferentes áreas de coñecemento para que poidan desempeñar axeitadamente as súas funcións,  tanto no ámbito da docencia coma no da investigación. Reducir o número de contratos temporais, especialmente o de profesorado interino que  está  a  cubrir  substitucións  de  longa  duración,  e  limitar  a  contratación  de profesorado asociado a aquelas situacións que esixen esta figura docente son outros dos retos formulados polo texto aprobado este martes, ao que se suma a vontade de rebaixar a media de idade do profesorado. O documento tamén contempla a incorporación, estabilización e  promoción do  PDI acreditado para os diferentes corpos de docentes.

Calendario

A xuntanza tamén abordou o calendario de planificación académica anual 2023-2024. Do 11 de xaneiro de 2023 ao 7 de febreiro os centros deberán cubrir a Planificación Docente Anual (PDA). O 7 de xuño é a data límite para a aprobación da programación docente das materias nos centros e publicación na web institucional da USC.

Outros temas

O Consello de Goberno tamén tratou a convocatoria de prazas de corpos docentes e das comisións de selección correspondentes, así como a convocatoria para a estabilización   extraordinaria de profesorado interino por vacante e da comisión de selección correspondente. A derrogación do Regulamento de asignación de cátedras a áreas de coñecemento e a reposición de prazas vacantes foron tamén cuestións aprobadas na reunión.

Completaron a orde do día a adscrición  funcional  das materias das titulacións  de  grao  e mestrado a áreas de coñecemento, as memorias dos Institutos de Investigación do ano 2021, a proposta  de  logotipo propio  para  a Cátedra  Institucional Cruz Roja para a mellora da calidade de vida das persoas maiores, convenios e asuntos económicos.

Xuntanza do Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
Xuntanza do Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.11.2022.