O Plan de Profesorado 19-22 permitiu avanzar na estabilización e promoción do cadro docente

Entre os anos 2019 e 2022, a USC creou un total de 653 prazas de profesorado, das cales o 33% estaban dirixidas a profesorado axudade doutor. Son datos extraídos das Bases para a elaboración da Planificación de PDI 2023 nas que a institución fai balance do percorrido ata o de agora en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI), alén de definir as liñas xerais de actuación que rexerán a política de profesorado no curso 2023-2024. O documento foi aprobado este martes 29 no Consello de Goberno.
Un dos obxectivos centrais que se marcaba o Plan Plurianual de Profesorado 2019-2022 era o de garantir a renovación do cadro de persoal mediante a incorporación de novo profesorado, a través fundamentalmente da figura de profesorado axudante doutor. Deste xeito lográronse compensar as baixas de profesorado, debidas sobre todo a xubilacións forzosas e voluntarias, así como corrixir os desequilibrios existentes entre as diferentes áreas de coñecemento e de dotar de profesorado aquelas áreas que tiñan que asumir o encargo docente derivado da implantación de novas titulacións. Polo que se refire á distribución destas prazas por grandes áreas, o documento salienta que máis da metade foron asignadas a áreas de coñecemento de Ciencias Sociais e Xurídicas, “algunhas das cales viñan arrastrando importantes déficits estruturais, e onde, por outra banda, son notorias as dificultades para a captación de profesorado a través de programas de incorporación de persoal investigador”, matiza o documento.
De cara ao vindeiro ano e “mediante unha planificación prudente e rigorosa da incorporación de efectivos”, o plan garantirá unha dotación estrutural suficiente das diferentes áreas de coñecemento para que poidan desempeñar axeitadamente as súas funcións, tanto no ámbito da docencia coma no da investigación. Reducir o número de contratos temporais, especialmente o de profesorado interino que está a cubrir substitucións de longa duración, e limitar a contratación de profesorado asociado a aquelas situacións que esixen esta figura docente son outros dos retos formulados polo texto aprobado este martes, ao que se suma a vontade de rebaixar a media de idade do profesorado. O documento tamén contempla a incorporación, estabilización e promoción do PDI acreditado para os diferentes corpos de docentes.
Calendario
A xuntanza tamén abordou o calendario de planificación académica anual 2023-2024. Do 11 de xaneiro de 2023 ao 7 de febreiro os centros deberán cubrir a Planificación Docente Anual (PDA). O 7 de xuño é a data límite para a aprobación da programación docente das materias nos centros e publicación na web institucional da USC.
Outros temas
O Consello de Goberno tamén tratou a convocatoria de prazas de corpos docentes e das comisións de selección correspondentes, así como a convocatoria para a estabilización extraordinaria de profesorado interino por vacante e da comisión de selección correspondente. A derrogación do Regulamento de asignación de cátedras a áreas de coñecemento e a reposición de prazas vacantes foron tamén cuestións aprobadas na reunión.
Completaron a orde do día a adscrición funcional das materias das titulacións de grao e mestrado a áreas de coñecemento, as memorias dos Institutos de Investigación do ano 2021, a proposta de logotipo propio para a Cátedra Institucional Cruz Roja para a mellora da calidade de vida das persoas maiores, convenios e asuntos económicos.
