Pasar al contenido principal

Exposición

A Minerva Compostelá no seu pasado

Do 20 de outubro ata o 28 de xaneiro de 2023

Santiago de Compostela
Salón do Artesoado, Capela e Sancristía

Do 20 de outubro ata o 28 de xaneiro de 2023

Instalación da exposición Minerva no Salón do Artesoado da USC. FOTO: Santi Alvite
Instalación da exposición Minerva no Salón do Artesoado da USC. FOTO: Santi Alvite

A exposición ‘A Minerva Compostelá. No seu pasado’,  recupera parte da historia da institución a través da representacións artística das figuras que marcaron a súa evolución, dos espazos que seguen, en certo modo, presentes na actualidade e das creacións artísticas que abeiraron ao longo dos tempos. A mostra dá continuidade á precedente 'A Minerva Compostelá. As súas glorias', que se exhibíu no Pazo de Fonseca de outubro de 2021 a xaneiro do presente ano e ambas as dúas proxéctanse como complemento ao Museo Virtual da USC na visibilización do seu patrimonio artístico.

Comisariada polo profesor emérito José Manuel García Iglesias, distribúese no Salón do Artesoado, a Capela e a Sacristía do Colexio e poderá ser visitada ata o 28 de xaneiro de 2023.

“A exposición que agora se presenta cómpre recoñecela como continuadora daquela”, salienta o comisario e profesor emérito da USC, José Manuel García Iglesias. Deste xeito, Salón Artesoado, Capela e Sancristía de Fonseca acollen un percorrido polo pasado da institución nunha efeméride moi significativa: 500 anos despois de que o cóengo Joaquín Auñón se recoñecera como reitor do ‘Colexio do Glorioso Apóstolo Santiago o Maior’, despois Colexio de San Xerome.

A Minerva compostelá no seu pasado

O Salón Artesoado

A estrutura da exposición acolle, neste espazo, os retratos dunha selección de reitores realizada dende o tempo de Lope Sánchez de Ulloa, no século XVI, ata García Garrido, quen conclúe o seu mandato en 1972. As Facultades de Medicina, Dereito e Farmacia tamén están presentes a través das representacións dos seus decanos.

“Se as Artes se mostran a través da figura do escultor Francisco Asorey, ás Letras, en clave masculina e en lingua castelá, outórgaselles a representación de Ramón María del Valle Inclán. Aos cadros que os mostran fíxoselles a honra de ser entendidos como vítores. Máis afastado do que esta institución fora no pasado está o personaxe a través do cal se alude ao mundo literario, en galego e en feminino; trátase de Rosalía de Castro que vive un tempo no que a muller aínda non entrara nas aulas universitarias compostelás”, explica o profesor García Iglesias. Dúas esculturas coa sinatura do propio Francisco Asorey completan, entre outras pezas, esta sección da mostra.

A Capela

A Universidade de Santiago de Compostela converteuse, tamén, nas últimas décadas, “nun espazo no que se introduciu, devagar, o quefacer dos artistas galegos, fundamentalmente pintores e escultores; tamén, gravadores, ceramistas e fotógrafos”, continúa relatando o comisario da mostra. Neste senso, dese fondo de arte galega contemporánea, a mostra acolle unha selección de pezas de artistas falecidos. “Son todas elas sinaturas ben recoñecidas, e recoñecibles, nun tempo no que, en xeral, o exercicio da arte estaba en mans masculinas. Por iso a presenza de Maruja Mallo e Elena Colmeiro son expoñentes dun mundo por vir, que é, en definitiva, xa o noso”, engade García Iglesias.

A Sancristía

Este espazo da mostra rende tributo ao reitor Alejandro Rodríguez Cadarso por crear “lugares propios para o aloxamento, tanto de alumnos como de profesores, pero tamén para o exercicio do deporte, algo naquela altura alleo ao día a día da USC”, engade o comisario.

A mostra que tamén constitúe un complemento ao Museo Virtual da USC na visibilización do seu patrimonio artístico, permanecerá aberta ao público ata o 28 de xaneiro de 2023.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.01.2023.