Ata un centro de estudantes poderán participar este ano na Masterclass de Física de Partículas do IGFAE

‘Física de partículas coas mans’ é o lema da nova masterclass que organizará o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) o vindeiro 3 de marzo dirixida a alumnado de 2º de Bacharelato interesado na física e no mundo da investigación. Esta xornada, persegue dar a coñecer o día a día da investigación en física de partículas, mostrar o traballo punteiro que se desenvolve dende o centro instalado na USC e espertar futuras vocacións científicas entre o alumnado pre-universitario.
A sesión do vindeiro 3 de marzo inclúe unha serie de conferencias sobre física de partículas, ademais dunha práctica en grupos para a identificación de eventos ‒como as colisións de partículas‒ cuxos resultados serán discutidos por medio de videoconferencia con equipos científicos do CERN e con outros institutos europeos que participan simultaneamente na xornada.
En base á experiencia acumulada en edicións anteriores e á boa aceptación desta proposta, nesta edición amplíase a oferta de prazas abríndose a 100 estudantes. Poderán participar dúas persoas por centro educativo, ademais do profesorado se o desexa. Para asistir é preciso cubrir o formulario de inscrición antes das 23.59 horas do domingo 17 de febreiro. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada ata completar capacidade.
Na última edición, 69 estudantes ‒dos que o 46% foron rapazas‒, participaron nesta xornada promovida polo Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG) en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN e Fermilab que se celebra en máis de 220 lugares de 55 países con máis de 13.000 participantes en todo o mundo.
