A USC colabora co IES Arcebispo Xelmírez na organización desta mostra que poderá ser visitada ata o 10 de xuño

A partir do 24 de abril, o Colexio de Fonseca acollerá a exposición 'O ronsel do Xelmírez: 178 anos na educación e cultura galegas', unha mostra conmemorativa da traxectoria do IES Arcebispo Instituto Xelmírez que busca visibilizar a súa pegada na educación e cultura galegas. O acto de inauguración terá lugar ese luns ás 20.00 horas no Salón Nobre de Fonseca e contará coa presenza do reitor da USC Antonio López, o director do IES A. Xelmírez I Manuel Portas Fernández, a comisaria da exposición María Xesús Mascareñas Alonso e o seu coordinador Paulo Porta Martínez.
'O ronsel do Xelmírez: 178 anos na educación e cultura galegas' ofrece unha ollada ao patrimonio cultural e humano da institución educativa e "pretende dar a coñecer como este centro chegou a ser un lugar de referencia na historia da creación cultural galega ao longo dos anos, desde a súa fundación até a actualidade", en palabras da comisaria.
A vida nas aulas e a relación entre o profesorado e o alumnado serven de fío condutor da exposición. Disposta de xeito cronolóxico, a mostra convídanos a percorrer os espazos que ocupa o Instituto ao longo do tempo, as leis educativas que o constriñen, os nomes propios do profesorado coas súas obras, os do alumnado e o reflexo dos seus esforzos. Tamén fai presentes os materiais de estudo, libros de texto, aparellos, obxectos e láminas dos gabinetes e mesmo se achega aos fitos acadadados por parte do estudantado tras o paso polo centro.
En suma, a exposición busca, segundo Mascareñas, "dar unha visión xeral dunha sociedade que acadou logros científicos e culturais que marcaron este país e que están a continuar". Unha viaxe polos 178 anos de historia do Instituto Xelmírez que visitarse ata o 10 de xuño, con entrada de balde, no Salón Artesoado e no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, e en horario de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.