Unha nova edición desta cita anual, na que se presentan as producións de diferentes compañías de danza universitarias convidadas

Tras o seu paso polo Campus de Lugo, o XXI Encontro de Danza da USC prosegue en Compostela os días 17 e 19 de abril.
A vixésimo primeira edición deste festival que ten por obxecto amosar a actualidade da danza universitaria incorpora por primeira vez unha mostra de milonga, grazas á participación do alumnado do curso de Danza-tango 22/23 da USC. O MilongUSC abre as portas este luns 17 de abril ás 20.00 horas no Teatro Principal con entrada de balde.
A xornada do mércores 19 de abril desenvolverase a partir das 20.30 horas tamén no Teatro Principal de Compostela. A Aula de danza da Universidade da Coruña presentará ‘Á espera de...’, unha proposta escénica que reflexiona desde o movemento sobre o acto de agardar. Inspirada na obra de Samuel Beckett, ‘Á espera de Godot’, a coreografía desta intervención é de Alba Fernández Cotelo e conta entre as e os intérpretes con Daniela Castellanos, Remedios Cuba, Cristina Nogueira, Alfonso Louro, Elías Álvarez, Fabiola Fraga, Tania Galán, Estefanía Calo, Ana Blanco, Aida García, Jacqueline Reimúndez, Marta Argüelles e Lucía Castro.
A compañía ‘D-ou-tras’, do Campus de Ourense da Universidade de Vigo dará continuidade á quenda de representacións da xornada coa presentación de ‘Corpos celestes’, froito dun traballo de investigación ao redor das traxectorias dos corpos celestes e as diferentes densidades do aire. Ainhoa Viñuela, Alicia Fraga, Ánxela González, Daniele Tommasini, Diego Negro, Belén Ferro, Rosa Puga, Laura Lozano, Mercedes Ferro e Sira Gonzále conforman o elenco de intérpretes desta obra, que conta con coreografía de Nuria Sotelo.
A compañía de Danza da USC, que dirixe Juan Carlos Zahera, será a encargada de pechar o encontro coa función ‘Alento’. Esta nova produción fai alusión ao primeiro e último que temos nesta viaxe da vida; o que nos impulsa á acción e nos frea ante as situacións difíciles, o que nos anima a danzar e a expresar: o alento. Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Carmen Sarmiento, Dolores Besteiro, Herminda Méndez, Beatriz Ovalle, Rosa Menéndez, Sabela Rodríguez e Victoria Vázquez conforman o elenco que interpretará a obra, que conta con coreografía de Rosa Acuña e música de Armand Amar. Sabela Rodríguez é a autora do texto, ao que pon voz Xosé Valcárcel.
O acceso é libre ata completar a capacidade, con previa recollida de convites desde as 18 horas no despacho de entradas do Teatro Principal.
O Encontro de Danza da USC concíbese como un espazo de residencia e de traballo para os artistas participantes. Un dos obxectivos importantes nestas xornadas de danza é o de achegar a creación universitaria á nosa cidade, saíndo ao encontro do espectador e favorecendo actividades comúns a este colectivo artístico. Ao longo de dúas décadas, este foro que constitúe unha das actividades máis visibles do Espazo de Danza da USC, posibilitou que compañías universitarias procedentes de Francia, Portugal, Lituania, Reino Unido, Italia, México, Porto Rico e Colombia, entre outros países, presentaran as súas respectivas creacións artísticas nos distintos campus da Universidade. No curso 2022-23 intégranse no Primavera Cultural, un programa de propostas artísticas promovido pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC que se desenvolven de marzo a xullo en ambos os campus co obxectivo de promover o espírito crítico do alumnado alén das aulas.
Espazo de Danza da USC
Esta iniciativa pioneira na universidade española e concibida como xerme dun laboratorio de danza contemporánea conta, dúas décadas despois da súa creación, con 40 montaxes coreográficas e máis de 300 actuacións e intervencións en festivais, seminarios, mostras, exposicións e reunións científicas que superan o centenar. A presenza da danza na USC e a inclusión desta disciplina na grella da oferta cultural e artística da institución académica actúa como un atractivo complemento académico e formativo a nivel interno e convértese nunha eficaz embaixadora da USC como institución aberta e creativa cara á sociedade.