Encontro rganizado pola Coordinadora Galega de ONGD, coa colaboración do SEPIU e das organizacións EAPN-Galicia, Agareso e Ecos do Sur.

A cidade de Santiago acolle os días 15 e 16 de xuño a segunda edición do Cumio Galego contra o Discurso de Odio, organizado pola Coordinadora Galega de ONGD, coa colaboración do SEPIU e das organizacións EAPN-Galicia, Agareso e Ecos do Sur.
O obxectivo destas xornadas é entender as dinámicas que sosteñen o discurso de odio en todas as súas formas e achegarse a recursos, experiencias inspiradoras e testemuños dos que aprender dende dous ámbitos moi concretos: a educación e as organizacións e movementos sociais.
A primeira xornada do xoves é exclusivamente para a comunidade educativa pero a do venres está aberta a todas as persoas que desexen asistir, previa inscrición na web da Coordinadora Galega de ONGD.
Todas as actividades celébranse no Centro de Estudos Avanzados da USC.
Educar na diversidade
O xornada do xoves 15 de xuño porá o foco na comunidade educativa e contará coa participación de Ovidio Villar, docente e impulsor de numerosas iniciativas no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Sonia Díaz, técnica de Educación para a Cidadanía Global de Agareso, e Marta G. Franco, hacktivista e xornalista do equipo de La Intersección e iniciativas como @nolesdescasito .
Ademais, o estudantado de varios centros participará en obradoiros orientados a traballar sobre o discurso de odio.
Intelixencia artificial, nesgos e narrativas
O venres 16 o Cumio recibe á xornalista e investigadora Paula Guerra Cáceres,
do colectivo AlgoRace-(Des)racializando la IA, que presentará o informe “Una introducción a la IA y la discriminación algorítmica para movimientos sociales”.
Tamén estará Vivian Rangel, xornalista, investigadora e docente de maldita.es, con quen falarán das narrativas da desinformación.
Poderase participar nunha dinámica de intercambio de experiencias inspiradoras e boas prácticas, así como coñecer testemuños e estratexias contra o odio desenvolvidas por activistas e colectivos en Latinoamérica.
Esta xornada está especialmente dirixida a organizacións e colectivos sociais, pero calquera persoa con interese na comunicación, a tecnoloxía, e educación,… pode inscribirse e participar de balde na web da Coordinadora Galega de ONGD.