O encontro está aberto a profesorado de distintos niveis educativos, estudantes de doutoramento, mestrado ou grao, persoal investigador de diferentes especialidades e público xeral interesado nas cuestións abordadas

O XXIV Congreso Internacional da SEDLL celebrarase na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte) da Universidade de Santiago de Compostela os días 29 e 30 de novembro e 1 de decembro de 2023.
'A Didáctica da Lingua e a Literatura ante o reto da nova lei educativa' foi o lema elixido para esta edición que aborda recente aparición da LOMLOE como unha magnífica oportunidade para deterse momentaneamente e mirar ao pasado e ao futuro desta disciplina. Observar a aplicación deste novo marco legal permitirá ás persoas asistentes achegarse ás liñas de forza que xorden dende a innovación educativa, así como ao fundamento ideolóxico no que se sustentan os enfoques e métodos que cobraron unha maior relevancia nos últimos anos, unha análise que pode abranguer as cuestións didácticas máis diversas.
O congreso está dirixido a profesorado de distintos niveis educativos, estudantes de doutoramento, mestrado ou grao, persoal investigador de diferentes especialidades e público xeral interesado nas cuestións abordadas.
O programa provisional do evento está dispoñible na web do congreso.