As obras gañadoras do certame nos campos das artes plásticas e fotografía poderanse ver desde o 20 de novembro ata o 9 de decembro

As obras finalistas do certame Xuventude Crea nos campos das artes plásticas e fotografía serán exhibidas na Igrexa da Universidade do 20 de novembro ao 9 de decembro de 2023.
A mostra inaugúrase o luns 20 de novembro ás 12.00 horas coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias, e da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil. No evento daranse a coñecer os nomes das/os artistas premiadas/os. Tras a inauguración, aberta ao público, a exposición poderá ser visitada de xeito gratuíto de luns a sábado en horario 11.00 a 14.00 e 17.00 a 20.30 horas.
Xuventude Crea é un programa dirixido a creadoras e creadores non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, que naceran ou residan en Galicia. Impulsado pola Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación das e dos artistas emerxentes.