A USC celebra este martes un acto conmemorativo do Día Internacional das Mulleres na Casa do Saber de Lugo

A USC celebrará o acto institucional conmemorativo do Día da Internacional das Mulleres este martes 7 de marzo, a partir das 12.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, no marco dunha sesión que servirá de recoñecemento á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra pola súa traxectoria a prol da igualdade de oportunidades da USC.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, será a encargada de guiar este acto, no que tamén intervirán a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto, e a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo.
Unha intervención teatral a cargo de María Peinó e Teresa Fraga, dúas actrices da compañía de teatro USC-Lugo, que interpretarán un fragmento da peza ‘Km526’ no que falan Juana Capdevielle e María Zambrano, servirá de apertura do acto institucional conmemorativo do Día Internacional das Mulleres. O Espazo de Danza da USC pechará a sesión coa posta en escena da peza ‘Pulsos’, unha coreografía de Rosa Acuña e con Vicente Ávila, Sara Domingo, Sonia L. Pumarega e Álvaro Rodríguez como intérpretes.