Neste encontro falarase das oportunidades e os riscos que se derivan do desenvolvemento da intelixencia artificial

Os 'Encontros de Lúa Chea', un programa de debate sobre cuestións de actualidade organizado polo colectivo universitario Proxéctate en Galego e incluído dentro da programación do Outono Cultural, ofrece o mércores 16 de outubro, ás 19.00 horas, na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, o faladoiro 'Intelixencia artificial: retos de futuro'. Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
A intelixencia artificial é unha tecnoloxía presente hoxe en día en múltiples aspectos das nosas vidas. Estamos afeitos a usala nos nosos móbiles e ordenadores, cada vez máis nos nosos coches, a interactuar con ela nos servizos de atención á clientela... e permite desde crear de robots que cada vez están máis preto das persoas ata usos industriais que van revolucionar a forma en que producimos obxectos.
Estes impresionantes avances permítennos vivir hoxe como cotiás situacións que non hai moito tempo considerariamos propias dun filme de ciencia ficción, pero tamén nos enfrontan a preguntas desacougantes: como conxugar a posibilidade de interactuar con robots con conservar aspectos básicos da nosa privacidade? Os nosos datos están realmente seguros? Como vai afectar toda esta automatización ao emprego? Non estarán os algoritmos a ampliar os nosos prexuízos?g
Para responder a estas e outras preguntas, coa moderación de Xosé Ramón Fernández Vidal, falarán Roberto Iglesias Rodríguez, coordinador do grao de Robótica no Campus de Lugo e profesor do departamento de Electrónica e Computación da USC, e Juan Antonio Corrales Ramón, profesor do grao de Robótica no Campus de Lugo e profesor do departamento de Electrónica e Computación da USC.
O encontro está coordinado pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.