Coa fin de poñer en común diferentes experiencias e buscar fórmulas de éxito nesta materia

A modificación da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación en 2022 tiña dous obxectivos directamente relacionados coa mellora da competitividade do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, tal e como actualizar a normativa reguladora da transferencia de coñecemento e de resultados da actividade investigadora, con especial énfase no réxime xurídico aplicable e mellorar a coordinación e colaboración entre axentes tanto públicos como privados.
Todo isto supón a necesidade de aplicar unha xestión innovadora da investigación que permita conciliar a axilidade e a flexibilidade co rigor esixible ás actuacións de entes do sector público. Coa fin de poñer en común diferentes experiencias e buscar fórmulas que permitan avanzar nese camiño, a Universidade de Santiago de Compostela organiza este venres 11 unha xornada que se desenvolverá no centro de Estudos Avanzados.
A inauguración terá lugar ás 9.30 horas nun acto que presidirá o reitor Antonio López e no que ademais intervirán a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Bermejo Barrera, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. Deseguido terá lugar o relatorio inaugural ‘Os retos da investigación perante as últimas reformas normativas’ que correrá a cargo do catedrático de Dereito Administrativo e Xerente da USC, Javier Ferreira Fernández.
O programa proseguirá cunha mesa redonda sobre a organización da investigación na que participarán a delegada institucional en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Carmen González Sotelo; a directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), Rosa M. Crujeiras Casais, e o director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), Carlos A. Salgado López.
A xornada matinal rematará coa conferencia de Diana Santiago Iglesias, delegada do reitor para Racionalización e Calidade Normativa e profesora titular da área de Dereito Administrativo, sobre o réxime xurídico da xestión da investigación.
O encontro completarase con outra mesa redonda, a desenvolver a partir das 16:30 horas, na que debaterán sobre a transferencia do coñecemento o delegado do reitor para Transferencia do Coñecemento da USC, Luis Otero González; a adxunta de Transferencia da Universidade da Coruña, Susana Ladra González; o director de Vigo Tecnolóxico da Universidade de Vigo, Daniel Villanueva Torres; o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera Martínez, e unha persoa representante de GAIN.
As persoas que necesiten obter acreditación de asistencia deberán cumprimentar o formulario dispoñible no web da Xornada.