Pasar al contenido principal

Terceiro acto: creando ilimitadamente entre números

Imaxe do cartel
Imaxe do cartel

O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural. na faísca 'Terceiro acto: creando ilimitadamente entre números' haberá dous obradoiros e o estudantado que participe nestes acudirá o día 24 de outubro a ver o espectáculo do Centro Dramático Galego 'Terceiro acto'.

A produción teatral ou escénica pode ser entendida como un conxunto de tarefas e accións que se organizan para a consecución dun obxectivo: a creación e execución dun produto ou espectáculo. Estamos falando dun proceso complexo no que conflúen certas prácticas artísticas, técnicas e administrativas que deben ser levadas a cabo por unha persoa ou conxunto de individuos que, de maneira organizada e mediante unha serie de recursos, intenten materializar o proxecto escénico para ser exhibido ante un público. Co obradoiro 'Facendo números', que se desenvolverá o 23 de outubro ás 10.30 horas, o estudantado das Facultades de Administración e Dirección de Empresas e de Humanidades, coordinado por Jacobo Feás, poderá coñecer de primeira man con Fran Núñez, o director do Centro Dramático Galego, este proceso desde un punto de vista máis económico.

Por outra parte, ante unha produción teatral, creatividade e recursos teñen que ter un equilibrio polo que é preciso reflexionar sobre como afrontar a creación ou como ter en conta os límites dos recursos. No obradoiro, 'Crear ilimitadamente con limites', que terá lugar o 23 de outubro ás 17.30 horas, o director do Centro Dramático Galego achegará estes problemas e o estudantado da materia 'Proxectos artísticos' da Facultade de Formación do Profesorado, coordinado por Vicente Blanco, intentará levar a cabo un proxecto artístico tendo en conta o aprendido.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.10.2024.