A nova edición do programa Faíscas Culturais é unha reflexión sobre como as nosas relacións afectivas, tanto políticas como persoais, están transformándose coa aparición dos medios dixitais

Ismael Crespo, catedrático de Ciencia Política da Universidade de Murcia e experto en campañas electorais e director do CEMOP, ofrece este luns 4 de novembro ás 18.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, unha conferencia sobre 'Polarización afectiva na comunicación política en campaña'.
O CEMOP é un instituto que nos últimos anos desenvolveu varios estudos sobre o efecto da polarización afectiva, que mestura o emprego das redes sociais nas campañas políticas e os efectos en termos de polarización política e afectiva para o sistema.
A entrada é aberta para toda a comunidade universitaria e o estudantado do mestrado universitario en Márketing, Consultoría e Comunicación Política e do Programa de doutoramento en Márketing Político: Actores e Institucións nas Sociedades Contemporáneas participará nesta actividade.
O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión cultural nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural. Baixo o título 'i-Emotions: Afectos Dixitais', esta edición do programa é unha reflexión en torno á exposición 'Afectos Dixitais' sobre como as relacións afectivas, tanto políticas como persoais, están transformándose coa aparición dos medios dixitais.
