Pasar al contenido principal

O evento internacional ‘Pint of Science’ chega a Santiago a próxima semana

Coa colaboración da USC, científicos de distintas áreas contarán entre os días 15 e 17 en Compostela o seu traballo de xeito ameno e próximo

O festival internacional ‘Pint of Science’ volverá levar a ciencia fóra dos laboratorios para mostrala dun xeito relaxado e distendido a toda persoa interesada. A través de charlas, científicos/as de todas as áreas de coñecemento achegaranse aos bares para contar de maneira amena e próxima qué estudan, por qué, o que agardan aprender, os logros alcanzados e tamén os fracasos e o que queda por descubrir.

A edición de Santiago celebrarase entre o próximo luns 15 e o mércores 17 coa colaboración da USC e a participación de recoñecidos investigadores/as, entre os que se atopan Antonio Salas, que falará de como de parecidos somos cando nos miramos a través do espello do xenoma, ou de José Luis Mascareñas, para explicar a química que se atopa detrás de toda forma de vida. O evento celebrarase na Nave de Vidán ás 20.30 horas con entrada gratuíta ata completar o aforo.

Cada unha das tres xornadas da próxima semana en Santiago leva un lema monográfico: ‘De hormonas e xenes’, a do luns 15, co participación de María José Martínez Patiño (Universidade de Vigo), Antonio Salas Ellacuriaga (USC), David Posada (UVigo), e o monólogo do gañador do festival Famelab 2015 Álvaro Morales Molina; ‘Mente Marabillosa’, o martes 16, e a presenza de Javier Cudeiro Mazaira (Inibic, A Coruña), Iria Veiga (USC), Javier Costas (IDIS) e o monólgo da gañadora de Famelab 2016 Alba Aguión; e ‘Dos átomos ás galaxias’, o mércores 17, con José L. Mascareñas (USC), Javier Mas Solé (USC), Víctor Pardo (USC), Xacobo de Toro (IES Urbano Lugrís, Malpica de Bergantiños).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.05.2017.