Pasar al contenido principal

Exposición 'As primeiras profesoras da Universidad Complutense de Madrid'

17.10.2025-28.11.2025

Santiago de Compostela
Claustro Alto

A mostra busca dar visibilidade ás primeiras profesoras que exerceron a docencia e a investigación nas distintas facultades da Universidade Complutense de Madrid

Jimena Fernández de la Vega e Emilia Pardo Bazán
Jimena Fernández de la Vega e Emilia Pardo Bazán

O Claustro Alto do Colexio de Fonseca acolle desde o 17 de outubro a mostra 'As primeiras profesoras da Universidad Complutense de Madrid', que busca dar visibilidade ás primeiras profesoras que exerceron a docencia e a investigación nas distintas facultades da Universidade Complutense de Madrid (UCM). Forma parte do proxecto de investigación 'Académicas UCM', destinado a recuperar a memoria das primeiras mulleres desa universidade e ten un carácter divulgativo e itinerante.

A mostra inaugurarase o venres 17 ás 12.00 horas nun acto que preside a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e no que tamén participan a delegada do reitor da USC para a Igualdade, Sonia E. Rodríguez; a delegada do reitor da UCM para Igualdade, Isabel Tajahuerce; a presidenta de Alumni USC, Eva López; e a comisaria da exposición en Madrid, Violeta Izquierdo.

A mostra recolle relevantes nomes femininos da intelectualidade española dos séculos XX e XXI, contribuíndo a resaltar a todas as que exerceron como docentes e investigadoras na chamada, naquel momento, Universidade Central. Tras o Real Decreto do 8 de marzo de 1910, que autorizaba ás mulleres a acceder aos estudos superiores, estas estudantes tiveron que superar censuras, atrancos e menosprezos antes de poder licenciarse e, mesmo para desenvolver a súa carreira tanto académica como profesional. Entre estas mulleres veremos a traxectoria de salientables e ben coñecidas galegas, dúas delas estudantes da Universidade de Santiago de Compostela: Emilia Pardo Bazán e Jimena Fernández de la Vega.

A mostra pode verse ata o 28 de novembro de 2025, en horario de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

Cartel da exposición
Cartel da exposición
Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.10.2025.