O futuro do sector leiteiro en Galicia, a debate nunha xornada do Idega na Escola Politécnica Superior de Lugo

A análise da realidade presente e as perspectivas de futuro que lle agardan ao sector leiteiro en Galicia centrarán a temática da xornada de debate ‘O leite en Galicia, e agora que?’, unha sesión de análise e debate promovida polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC que se desenvolverá este venres, de 9.15 horas a 14.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC.
Esta xornada monográfica, de asistencia libre e cuxa inscrición permanece aberta na web do Idega, contará como relatores con destacados representantes dos eidos da investigación, da produción e tamén da industria, tanto daquelas empresas asentadas en Galicia como fóra da comunidade autónoma. O investigador do Ingacal César Resch abrirá a quenda de relatorios cunha exposición introdutoria, na que fará unha presentación do contexto actual no que se atopa o sector leiteiro, ao tempo que disertará sobre as perspectivas existentes. De seguido, o responsable de I+d+i da empresa Innolact, Sergio Martínez ofrecerá a visión que unha empresa innovadora ten do sector leiteiro. O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, e o director xeral de Central Lechera Asturiana, Francisco San Martín, tamén intervirán como relatores no marco desta xornada para ofrecer así a visión destas dúas cooperativas respecto do sector leiteiro, un sector que se atopa fronte a un desafío que está a por en perigo o conxunto do sector e que deixa nunha situación de risco especial os produtores. Ante esta situación, que é motivo de preocupación para toda a sociedade, a USC quere facer a súa particular achega coa celebración da xornada ‘O leite en Galicia, e agora que?. O obxectivo deste foro, no que colaboran diferentes grupos de investigación universitarios vinculados coas cooperativas de produción e transformación, a nova industria leiteira e o instituto para o desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario da Administración autonómica, pasa por favorecer o debate para achegar luz sobre cales deben ser as claves que debe seguir o sector leiteiro para saír con éxito da actual encrucillada na que se atopa.