A Universidade Tecnolóxica e de Ciencias da Vida de Polonia presenta a súa oferta de Enxeñaría Civil na Escola Politécnica

Os profesores da facultade de enxeñarías civís e mediomabientais e arquitectura da Universidade Tecnolóxica e de Ciencias da Vida de Polonia Magdalena Dobiszewska e Jaroslaw Górecki , están a presentar estes días na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo o programa de estudos e os servizos no eido da Enxeñaría Civil que ofrece ao estudantado a referida universidade polaca,que está emprazada na cidade de Bydgoszcz.
A visita de Magdalena Dobiszewska e Jaroslaw Górecki desenvólvese ao abeiro dun programa de intercambio Erasmus que mantén a titulación de Enxeñaría Civil da USC co centro universitario de Polonia, no que durante o presente exercicio académico ampliarán a súa formación catro estudantes do campus lugués, un máis dos que o pasado curso gozaron dunha bolsa erasmus na Universidade Tecnolóxica e de Ciencias da da Vida de Polonia. O intercambio de experiencias docentes e a posta en común de novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe que se están a aplicar tanto na titulación de Enxeñaría Civil da USC como nos centros da universidade polaca é un dos cometidos principais desta visita, segundo indicou o profesor e coordinador do grao de Enxeñaría Civil na EPS, Alberte Castro. Este profesor sinalou asemade que este tipo de experiencias de intercambio sirven para estreitar lazos de colaboración e tamén para avivar o fluxo de estudantes e docentes entre as dúas institucións universitarias. Castro destacou ademais a desafogada situación económica da que está a gozar a Universidade Tecnolóxica e de Ciencias da Vida de Polonia, como o proba o feito de que ofrece de xeito gratuíto para estranxeiros a posibilidade de cursar programas e cursos de especialización moi interesantes. Os profesores polacos Magdalena Dobiszewska e Jaroslaw Górecki aproveitaron a súa estadía en Lugo, ademais de para coñecer o funcionamento da USC e, máis en concreto das áreas ligadas á Enxeñaría Civil, para ofrecer cadanseu relatorio. Así, Dobiszewska disertou este mércores ante estudantes de Enxeñaría Civil sobre conceptos básicos do formigón. Górecki terá este xoves, a partir das 11.00 horas, un encontro cos alumnos do grao de Enxeñaría Civil da USC, ante os que pronunciará un relatorio baixo o título ‘Análises de riscos e custes en proxectos de construción’.