Ir o contido principal

A Universidade Tecnolóxica e de Ciencias da Vida de Polonia presenta a súa oferta de Enxeñaría Civil na Escola Politécnica

Magdalena Dobiszewska, onte con alumnos da Escola Politécnica Superior de Lugo
Magdalena Dobiszewska, onte con alumnos da Escola Politécnica Superior de Lugo
Os profesores Magdalena Dobiszewska e Jaroslaw Górecki realizan esta semana unha estadía no campus de Lugo a través dun programa de intercambio Erasmus

Os profesores da facultade de enxeñarías civís e mediomabientais e arquitectura da Universidade Tecnolóxica e de Ciencias da Vida de Polonia Magdalena Dobiszewska e Jaroslaw Górecki , están a presentar estes días na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo o programa de estudos e os servizos no eido da Enxeñaría Civil que ofrece ao estudantado a referida universidade polaca,que está emprazada na cidade de Bydgoszcz.

A visita de Magdalena Dobiszewska e Jaroslaw Górecki desenvólvese ao abeiro dun programa de intercambio Erasmus que mantén a titulación de Enxeñaría Civil da USC co centro universitario de Polonia, no que durante o presente exercicio académico ampliarán a súa formación catro estudantes do campus lugués, un máis dos que o pasado curso gozaron dunha bolsa erasmus na Universidade Tecnolóxica e de Ciencias da da Vida de Polonia. O intercambio de experiencias docentes e a posta en común de novas metodoloxías de ensino e aprendizaxe que se están a aplicar tanto na titulación de Enxeñaría Civil da USC como nos centros da universidade polaca é un dos cometidos principais desta visita, segundo indicou o profesor e coordinador do grao de Enxeñaría Civil na EPS, Alberte Castro. Este profesor sinalou asemade que este tipo de experiencias de intercambio sirven para estreitar lazos de colaboración e tamén para avivar o fluxo de estudantes e docentes entre as dúas institucións universitarias. Castro destacou ademais a desafogada situación económica da que está a gozar a Universidade Tecnolóxica e de Ciencias da Vida de Polonia, como o proba o feito de que ofrece de xeito gratuíto para estranxeiros a posibilidade de cursar programas e cursos de especialización moi interesantes. Os profesores polacos Magdalena Dobiszewska e Jaroslaw Górecki aproveitaron a súa estadía en Lugo, ademais de para coñecer o funcionamento da USC e, máis en concreto das áreas ligadas á Enxeñaría Civil, para ofrecer cadanseu relatorio. Así, Dobiszewska disertou este mércores ante estudantes de Enxeñaría Civil sobre conceptos básicos do formigón. Górecki terá este xoves, a partir das 11.00 horas, un encontro cos alumnos do grao de Enxeñaría Civil da USC, ante os que pronunciará un relatorio baixo o título ‘Análises de riscos e custes en proxectos de construción’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2014.