
Programa de Doutoramento en Estudos Medievais
Actividades formativas do Programa
1. Asistencia a cursos e seminarios
Os doutorandos matriculados a tempo completo deben asistir, como mínimo, a 3 cursos ou seminarios (poden ser tamén congresos, e mesmo conferencias ), un por ano.
Aqueles que están matriculados a tempo parcial teñen que asistir, como mínimo, a un total de 2 seminarios en calquera dos cinco anos de realización da tese (non os dous no mesmo ano, preferentemente).
XUSTIFICACIÓN: Certificado de asistencia, no que consten claramente as datas e a duración en horas da actividade
2. Mobilidade
O programa prescribe unha estadía noutro centro de investigación (previa autorización da Comisión Académica no seguinte formulario) dun total de 250 horas, que deberá realizarse ao longo do segundo ano e primeiro semestre do terceiro. O obxectivo fundamental da estadía é o acceso e consulta de fontes primarias e/ou obter asesoramento dalgún experto no tema (ou na metodoloxía) da tese, se ben tamén se pode complementar este obxectivo co de reforzar o coñecemento de idiomas.
Para os doutorandos a tempo parcial, o requisito queda reducido a un total de, polo menos, 3 semanas (non necesariamente consecutivas) ao longo dos cinco anos de realización da tese.
En calquera caso, quen aspire a obter unha “mención internacional” para o seu título de Doutor debe aterse ás condicións establecidas con carácter xeral para esta opción no artigo 40 do Regulamento dos estudos de Doutoramento da USC:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170728/AnuncioG2018-120717-0001_gl.pdf
No apartado 1.4 de Memoria do programa de Doutoramento en Estudos Medievais pode atoparse unha relación de convenios asinados con institucións relevantes que poden facilitar as accións de mobilidade:
XUSTIFICACIÓN: Informe detallado, redactado polo doutorando e asinado polo responsable científico da estadía, no que se fagan constar as datas de inicio e remate da mesma.
3. Participación en congresos
Todos os doutorandos con dedicación plena ao programa de doutoramento deberán presentar, polo menos, 2 comunicacións ou pósters en congresos nacionais ou internacionais que dispoñan de comité organizador e de comité científico, unha delas no segundo ano do programa e outra no terceiro.
Os que estean a tempo parcial deberán presentar, como mínimo, 1 comunicación / póster ao longo dos cinco anos de realización da tese.
XUSTIFICACIÓN: Certificado de presentación da comunicación ou póster, e copia do traballo.
4. Publicacións científicas
Todos os doutorandos, tanto os que están a tempo completo coma os que o fan a tempo parcial, deben extraer da súa investigación, polo menos, dous artigos que serán publicados a partir do segundo ano en revistas científicas relevantes, sometidas a procesos rigorosos de selección de orixinais. Poden ser tamén capítulos de libros (non actas de congresos), sempre que se garanta ese proceso de selección por parte dun comité científico.
Dado que o tempo transcorrido entre a aceptación e a publicación non depende do doutorando, basta con que se obteña o pertinente certificado de aceptación (con compromiso de publicación) dos dous traballos.
Se ben para os doutorandos a tempo parcial, o período temporal non está predeterminado e abarca do segundo ao quinto ano, para os que están a tempo completo, o programa establece un artigo para o segundo ano e outro para o terceiro.
XUSTIFICACIÓN: Certificado de aceptación por parte da revista ou do comité editorial responsable do libro, e copia do traballo. Se xa está publicado, copia dos datos de referencia da publicación e do índice da mesma, ademais de copia da contribución.
5. Participación en reunións de seguimento de proxectos de I+D+i
Os doutorandos deben integrarse no grupo de investigación ao que pertence o seu titor (en caso de cotitoría en grupos diferentes, en calquera deles, preferentemente no grupo máis próximo á liña de investigación seguida na tese).
Como membros do grupo, teñen a obriga de participar nas reunións que este celebre, de modo particular as que estean vinculadas ao desenvolvemento dalgún proxecto de investigación subvencionado en convocatorias competitivas de I+D.
O programa estipula un total de 30 horas, distribuídas no segundo e terceiro ano, para esta actividade, agás para os doutorandos a tempo parcial, que deberán participar, como mínimo, en 2 reunións deste tipo. Os IPs responsables dos proxectos deberán fixar polo menos dous encontros en función da dispoñibilidade destes doutorandos a tempo parcial.
XUSTIFICACIÓN: Informe do IP ou do coordinador do grupo, facendo constar o obxecto das reunións e a participación do doutorando nelas.
Nota bene:
- Todas as actividades formativas contarán co beneplácito explícito do(s) respectivo(s) titor(es). Ademais, é preceptiva a aprobación previa da CAPD para a realización de estadías.
- Os doutorandos que acceden ao programa pola vía de adaptación a partir de programas anteriores poden solicitar da CAPD o recoñecemento das actividades xa realizadas ao abeiro deses programas.