Homenaxe a Francisco Fernández Rei e Manuel González González

­

A área de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela quixo manter a tradición iniciada coa homenaxe ofrecida ao seu fundador, o profesor Constantino García, e continuada coas que se dedicaron aos profesores Antón Santamarina e Mercedes Brea, cando os mestres acadan os 65 anos de idade, pero sen agardar o momento da xubilación.

 

O xoves foi a vez dos profesores Francisco Fernández Rei e Manuel González González, que naceron cun ano de diferencia pero iniciaron xuntos a súa andaina universitaria. O acto contou coa participación de Ernesto González Seoane, vicereitor de Profesorado da USC; María José López Couso, decana da Facultade de Filoloxía; Francisco A. Cidrás Escáneo, director do Departamento de Filoloxía Galega; Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Románica e académico numerario da RAG; Carmen Alén Garabato, de Université Paul-Valéry Montpellier; Xosé Afonso Álvarez, da Universidad de Alcalá de Henares, e Mercedes Brea, catedrática de Filoloxía Románica.

 

No acto fíxose entrega aos homenaxeados de cadanseu volume de estudos, Limba noastră-i o comoară. Estudos de sociolingüística románica en homenaxe a Francisco Fernández Rei e Obreiro da lingua, amigo da xente. Estudos de xeografía lingüística en homenaxe a Manuel González González, editados polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e que recollen trinta contribucións dos eidos principais de investigación dos homenaxeados.

 

Ligazóns

USC

Real Academia Galega

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

El Correo Gallego

Galicia Confidencial