A representación das soldadeiras nas cantigas de escarnio galego-portuguesas e na cultura visual románica

Tania Vázquez García

As soldadeiras foron personaxes femininas que tradicionalmente se consideraron acompañantes dos trobadores e xograres na súa performance. Nas cantigas de escarnio son comúns as mofas a estas mulleres, ridiculizadas polos seus gustos desmedidos polo xogo e a luxuria, de modo que nos estudos literarios se tenderon a asimilar coas prostitutas. O obxectivo é realizar unha investigación interdisciplinar, na que están presentes a análise literaria e artística a partir do estudo da descriptio física e moral que se realiza exclusivamente daquelas mulleres que foron denominadas como «soldadeiras» nas cantigas, así como da súa representación na arte románica galega. Se ben a caracterización literaria reflicte unha visión negativa destas figuras, a posición privilexiada que adquire a súa figuración nos tímpanos dalgunhas igrexas, como a de San Miguel do Monte (Chantada, Lugo) ou Santa María de Ucelle (Coles, Ourense), confirma que as lecturas literais das cantigas de escarnio non poden ser sostidas, pois a súa finalidade era buscar o riso do auditorio mediante a presentación grotesca da sociedade do momento.