Resumo
No presente traballo destácase o cancioneiro profano de Alfonso X como a produción máis persoal do monarca, no que se pode percibir a voz propia dun trobador que se acomoda aos canons da tradición trobadoresca europea, ao mesmo tempo que se erixe en cabeza visible dunha corte que se consolida como o espazo más dinámico da lírica trobadoresca peninsular. Para iso analízase o labor de acollida da corte alfonsí das correntes literarias foráneas que logo traslada a súa propia obra, as circunstancias que explican que a súa poética sexa escrita en galego, e as particularidades do seu cancioneiro trobadoresco. O corpus presenta unha complexa tradición manuscrita e uns problemas codicolóxicos, que suscitan aínda hoxe debates entre a crítica (como a fixación e establecemento dos textos). O estudo das súas cantigas mostra que o discurso trobadoresco alfonsí sobresae polo dominio do autor das técnicas marcadas pola escola, así como pola aguda e persoal percepción da sociedade e dos acontecementos históricos do momento.